Site icon Crónica3.com A Mariña

O burelao Christian Rivas García, Pitero, seguirá no Pescados Rubén

Burela, 12 de agosto, 2021. O burelao Christian Rivas García, Pitero, seguirá na súa casa. A Xoia Laranxa vén de formalizar a súa renovación ata 2023. “Este é o meu fogar, é o club da miña vida. Levo nesta familia dende pequeno e estou moi contento por ter a posibilidade de continuar e seguir dando o mellor de min neste club” confesaba o 6 mariñán de 21 anos.

Tras tres tempadas de experiencia xa no conxunto sénior, Pitero ve un Pescados Rubén Burela con bos cimentos e contribucións prometedoras: “O equipo ten moi boa base, con incorporacións que poden axudar moito. Creo que hai bos cimentos para realizar un gran traballo” adiantaba o pivote, un dos grandes revulsivos do equipo na tempada pasada, a pesar de que certas molestias non lle deixaron estar ao cento por cento nalgunha fase da competición. “Espero seguir medrando e madurando tanto persoal coma deportivamente; seguir axudando o equipo en todo no que poida. Eu traballarei e farei todo o que estea na miña man para repetir os bos momentos da tempada pasada e que este ano duren máis” adiantaba a Xoia, agardando xa o comezo do espectáculo, co inicio de liga marcado para o 9 de outubro, con Futbol Emotion Zaragoza: “Todo rodará ben, cunha boa adaptación entre o equipo e Riquer, un gran profesional que regresa á liga española con moitas ganas”.

Pitero será o undécimo xogador de Alberto Riquer para 2021-22, xunto á continuidade de Quintela, Pazos, Renato e Nito, as renovacións de Iago Míguez, Lucho e Michal Kaluza e as novidades de Isma, Wanderson e Rikelme.

Exit mobile version