Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela insiste na necesidade de recoller as feces dos cans

Burela, 18 de agosto de 2021. A Concellería de Medio Ambiente realizou unha campaña de concienciación sobre a necesidade de recoller as feces dos cans. Para iso instalou un stand na praia de Ril esta mañá. Na actividade participou o alumando da Ocioteca de verán.

Debido á existencia de excrementos de mascotas en moitas zonas peonís ou zonas de recreo, como é o paseo marítimo, as monitoras do Centro Gaia do Concello de Burela acompañadas pola concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, colocaron un stand co lema Eu si que o fago nas inmediacións da praia de Ril.

Eijo contou que “o alumnado da Ocioteca participou nesta actividade informando aos viandantes da importancia de recoller os excrementos con calquera sistema que se atope no mercado e se é posible, evitando o uso de plásticos que non sexan ecolóxicos ou biodegradables”. Na praia de Ril repartíronse recolledores de excrementos Ecopop.

A concelleira de Medio Ambiente explicou que “Ecopop é un recolledor de cartón reciclado.Funciona como unha especie de pinza. O seu peche pinza e sela o contido e convérteo nunha caixa con asas. Posteriormente deposítase no colector para residuos orgánicos, para que se descompoña na súa totalidade”.

Toñi Eijo subliñou que “recoller as feces dos cans non é agradable, pero é importante non só para manter as cidades limpas e hixiénicas, senón tamén para coidar o noso medio ambiente”.

Exit mobile version