Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela defenderá no vindeiro pleno “a inmediata execución das obras de conexión da zona de Ril á rede de saneamento municipal”

Burela, 4 de agosto de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela cre que se pode considerar “discriminatorio” que as vivendas da zona de Ril aínda non dispoñan de conexión á rede de saneamento municipal, tendo en conta o carácter particularmente urbano do municipio de Burela.

É por iso polo que defenderán na vindeira sesión plenaria deste xoves unha moción para “instar ao Concello á inmediata execución destas obras” que garantan a prestación deste servizo de carácter básico e de competencia municipal.

A iniciativa dos edís populares recolle a redacción do proxecto, en caso de que o Concello de Burela non o teña feito a día de hoxe, antes de que finalice o presente ano. Así mesmo, propoñen que “dita obra se inclúa no apartado de inversións reais para o presuposto do vindeiro ano 2022” e tamén que o Concello busque financiamento para esta obra nas administracións supramunicipais atendendo ao seu carácter medioambiental.

Condonación da débeda da PIE do 2020 por parte do Estado
O Grupo Municipal Popular de Burela presenta tamén outra iniciativa para instar ao Goberno de España a condonar a débeda xerada pola liquidación negativa da PIE de 2020 “de cara a paliar as graves consecuencias que terá sobre os concellos no vindeiro ano 2022”. E, se esta medida non se puxera en marcha, “esixir ao Goberno que aprace dous anos a devolución de dita débeda e que posibilite o fraccionamento do pago da mesma en 120 mensualidades, é dicir 10 anos, ampliables a outros 120 meses máis en caso de que existan problemas de liquidez, tal e como xa se fixo no ano 2012 coas liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009”.

Os populares agardan que “a corporación municipal apoie esta iniciativa na defensa dos intereses dos veciños e das veciñas”; xa que se trata dun asunto de vital importancia de cara á solvencia das contas municipais e, polo tanto, de cara a garantir a prestación de servizos aos bureleses.

O voceiro, Manuel Rouco, explica que “o goberno de Sánchez reduciu a participación da administración local na xestión dos fondos de recuperación europeos ata o 1%, o que supoñen uns 1.400 millóns de euros, unha porcentaxe que queda moi lonxe do 14,6% que representa o gasto público local sobre o gasto público total español. E tamén tratou de apropiarse dos aforros das entidades locais e segue sen devolver os máis de 700 millóns de euros que lle debe ás entidades locais en concepto de entregas a conta da recadación do IVA do ano 2017”.

“Por se todo isto fora pouco, ao actualizar en 2020 as entregas a conta que reciben as entidades locais pola participación nos tributos do estado (PIE) conforme ao crecemento previsto da economía e ao crecemento real, as entidades locais contraeron de maneira automática, e sen ningunha responsabilidade pola súa parte, unha débeda de 3.000 millóns de euros co Goberno de España derivada dunha liquidación negativa”, engade.

Os populares alertan sobre esta situación “cando quedan menos de seis meses para comezar o ano 2022 e o Goberno de España non propuxo ningunha medida para evitar que esta liquidación negativa poña en risco a sustentabilidade financeira e a viabilidade de miles de entidades locais porque, se esta débeda se materializa, poderían deixar de atender as necesidades dos veciños e veciñas”.

Exit mobile version