Site icon Crónica3.com A Mariña

“Sr. Alcalde: o que lle rogamos é un dereito, non un antollo”, por Elvira Núñez Arias

Parece ser, e a vista está de todo aquel que o queira comprobar, que en varias rúas da zona vella de Ribadeo aparcar enriba das beirarrúas non é un acto ilegal e polo tanto, tampouco é merecedor de sanción. A impunidade é total: o mesmo dá que os coches obstrúan portais, invadan beirarrúas ou circulen por direccións prohibidas. Non pasa nada.

Desde hai tempo son xa varios os escritos rexistrados no Concello, algún deles asinado por veciños da rúa Amando Pérez, nos que se expoñen con detalle estes feitos e se documentan con fotografías. En verán, ou en outras épocas de vacacións, o tráfico que soporta esta rúa de baixada ao porto intensifícase de maneira exponencial poñendo en perigo, aínda máis que no resto do ano, a seguridade das persoas que transitan por ella.

A paciencia fraquea e, hai escasos días, decido acudir persoalmente ao Concello. O motivo desta recente -e penso que derradeira- entrevista co Sr. Alcalde non era outro que o de rogarlle, dun modo cordial, unha solución razoable a ese caos circulatorio e a esa ilegalidade consentida en materia de aparcamentos no casco vello da vila. Desde a súa sala de plenos, a máxima autoridade do Concello faime sabedora de que algo de razón teño no que lle expoño, pero déixame ben claro que, desde a alcaldía, el non vai facer nada para que se cumpra a lei nin, parece, para garantir que os peóns poidamos facer uso das beirarrúas con seguridade. É máis, non ten reparo algún en recoñecer que, por suposto, este ano non vai estudiar o caso e, con toda probabilidade, o ano que vén tampouco.

“Mirarei de atopar unha solución -apunta-, pero non che podo prometer nada, e dubido moito que te poida contentar”. Escoitado isto, decátome de que pouco máis da de si o encontro. El non quere entender que o que eu lle rogo é un dereito, non un antollo persoal. Así pois, só me queda abandonar o salón de plenos, lugar onde me recibiu, enchida dunha sensación estraña de desamparo, unha mestura de incredulidade, perplexidade e decepción: temos un alcalde ao que lle preocupa moi pouco, ou máis ben nada, que veciños e visitantes do casco vello se vexan privados de transitar con seguridade pola beirarrúa, espazo que sempre entendín era privativo dos peóns. ¿Qué facer no caso de persoas necesitadas dunha cadeira de rodas ou dun carrito de bebé?.

A Policía local, área de traballo que non foi delegada e que é competencia da alcaldía, suponse que lle cursaría o correspondente informe facéndoa coñecedora de que o ancho da rúa Amando Pérez, con calzada e beirarrúa ao mesmo nivel, non é o suficiente como para permitir que se poida aparcar nunha beira se non é a costa de que os coches que circulan invadan a beirarrúa da outra. Mais como o Sr Alcalde, neste caso, non ten a ben facer cumprir a lei opta por poñerse de perfil e culpar a oposición de que, cando levou esta situación a pleno, non contou co seu apoio: “eu propuxen alí que os partidos da oposición aportasen unha solución a este problema, porque eu non o vía claro, e eles recolleron cable e calaron, ninguén se quixo mollar porque é un problema con varias aristas” (La Comarca del Eo, 20 marzo 2021)

Sempre pensei que as autoridades locais, provinciais, autonómicas ou nacionais, dentro do seu ámbito e entre as súas múltiples tarefas, tiñan a obriga de vixiar para que se cumpran as leis e, no caso de que non se cumpran, facelas cumprir. Estaba nun erro: quedoume claro que o Sr. Alcalde de Ribadeo non sempre o quere entender así. Haberá que buscar a maneira de que alguén llo faga entender.

Exit mobile version