Site icon Crónica3.com A Mariña

350 participantes na Ruta dos Lobos da Fonsagrada, que se celebra o sábado

Lugo, 13 de setembro. Esta mañá presentouse no Pazo de San Marcos a sétima edición da Ruta dos Lobos, que celebrará o vindeiro sábado 18 de setembro coa participación de 350 persoas. A proba retómase tras o parón obrigado pola pandemia cos alicientes das pasadas edicións, un percorrido esixente desde o punto de vista deportivo e atractivo como escaparate dos recursos naturais e culturais do concello.

A Ruta ofrece “dous itinerarios, un largo de 55 quilómetros e 1800 metros de desnivel positivo, e un curto, de 35 quilómetros, que trascorren polas ribeiras dos ríos Navia e Lamas amosando algúns dos lugares máis representantivos da Fonsgrada como a seimeira de Vilagocende ou o mirador de Arexo, segundo explicou na presentación o responsable do evento”, Enrique Fernández, técnico deportivo do Concello da Fonsagrada.

A organización, na que colaboran a Asociación Deportiva Fonsagrada Balompé e o Concello, mantén unha das características da ruta, un avituallamento con produtos típicos da zona como o pastel da Fonsagrada ou as filloas con mel. Coa inscrición, ofrécese tamén a posibilidade de participar nunha cea colectiva e unha visita guiada para os acompañantes.

Na presentación do evento, que conta coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na promoción e difusión, o deputado Efrén Castro destacou “a boa sona da organización da proba entre as persoas afeccionadas á bicicleta” e valorou o “escaparate que estes eventos ofrecen desde o punto de vista turístico”.

O alcalde da Fonsagrada, Carlos López, sinalou, pola súa banda, “o impacto da proba na hostelería do Concello, despois duns meses de moitas dificultades para o sector pola pandemia”.

Exit mobile version