Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino denuncia que a Consellería quere suprimir a Educación Secundaria para persoas Adultas en Ribadeo

A Mariña, 21 de setembro, 2021. Este inicio de curso 2021 asistimos a un recorte da oferta e da calidade educativa nos centros de ensino público da Mariña. A Consellaría de Educación quere suprimir a Educación Secundaria para persoas Adultas (ESA) en Ribadeo.

No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo impártese a Educación Secundaria para persoas Adultas e neste curso a Consellaría de Educación quere eliminar esta importante oportunidade educativa para aquelas persoas adultas que buscan obter a titulación mínima para acceder a numerosos postos de emprego. Todo isto prodúcese nun contexto de crise económica provocada pola pandemia e que vén a agravar os problemas sobre o tecido socioeconómico que xa sofre a comarca da Mariña.

A CIG-Ensino entende que con esta decisión a Xunta de Galicia está a vulnerar un dereito á educación básico das persoas.

De clausurar a oferta de ESA que se imparte en Ribadeo, a Consellaría de Educación estaría a confirmar un ataque frontal á calidade e á oferta educativa no rural e na comarca da Mariña. Para moitas persoas perder a oportunidade de formarse na súa vida adulta supón un grave problema de cara a súa empregabilidade ou para a ampliación de estudos. Esto xenera unha falta de oportunidades e desigualdade das zonas rurais respecto ás persoas que viven nas cidades.

Ao posible peche da ESA hai que sumar outros recortes producidos nos centros da Mariña, como a perda de profesorado respecto ao curso anterior e tamén respecto ao curso prepandémico, con graves consecuencias no que respecta á oferta de optativas, desdobres, apoio e incremento de ratios.

A CIG-Ensino pide que se manteña a oferta de ESA en Ribadeo así como que se anulen os recortes no profesorado na Mariña que redundan nunha perda da calidade e oferta educativa na comarca.

Exit mobile version