Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confederación Intersindical Galega non asinará o VI Convenio Estatal de Acuicultura Mariña

A Mariña, 3 de setembro, 2021. A negociación para a renovación do Convenio Estatal de Acuicultura Mariña iniciouse en febreiro deste ano 2021 coa presentación de ambiciosas plataformas por parte dos sindicatos estatais e a CIG, coas que pretendiamos, entre outras cousas, o ascenso automático de categoría en función da antigüidade, e mesmo conseguir avances en materias como a mellora nas gardas en fin de semana e festivos, melloras nos permisos retribuídos, de revisión da nocturnidade, de redución da xornada de traballo anual…

Dende a CIG tamén pelexamos por unha subida salarial REAL, pois este convenio soportou anos co 0% de subida salarial. Reclamamos unha mellora das condicións económicas que servise para dignificar uns salarios moi cativos. Todo isto co fin de equipar as condicións do convenio coas que xa ten o persoal en algunha empresa do sector.
A finais do mes de xullo tivo lugar a última reunión da Comisión Negociadora do Convenio, na que se chegou a un preacordo entre a Patronal e os sindicatos estatais do sector (CCOO e UGT), que aínda está pendente de ser ratificado.

A CIG decide non aceptar a proposta final da patronal do sector

A decisión de no asinar a última proposta da patronal para o Convenio de Acuicultura Mariña tomouse nas Asembleas de traballadoras e traballadores afectados por este convenio e que se veñen celebrando desde o pasado mes de agosto.

Tras oito reunións da Comisión Negociadora nas que a patronal se ten mostrado absolutamente intransixente coas demandas da parte social, a patronal preséntanos unha proposta que non recolle ningunha das principais demandas sindicais e, no referente ao incrementro salarial, non hai subida salarial REAL. Para o ano 2021 a subida é do 1% cando o IPC xa supera neste momento o 3% (o que supón unha mingua do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector) e no 2022 a subida que formulan é dun pírrico 1,3% con revisión ao final do 2022.

Despois de anos de non ter ningunha subida salarial e da insuficiente subida do último convenio, que non axudou a recuperar poder adquisitivo ás plantillas, agora pretenden pechar un convenio por dous anos, baixando os salarios e non mellorando en nada o resto das condicións do convenio. Asinar este preacordo suporía, de feito, traizoar ás persoas afectadas polo convenio, demostrando que, para algúns, todo o que se reclamaba ao inicio da negociación como irrenunciable non era mais que contos e fume. Onde quedan as promesas que lle fixeron CCOO e UGT aos traballadores da Mariña e do resto de Galiza? Onde quedan as subidas de categorías? Onde está a normalidade de cobrar polas noites traballadas?…

Por todo o anterior a CIG di rotundamente NON ó preacordo do Convenio Estatal de Acuicultura Mariña, postura que foi trasladada á Comisión Negociadora do Convenio polos dous compañeiros que representaron á CIG (ambos do Comité de Empresa de Insuíña-Xove).

Exit mobile version