Site icon Crónica3.com A Mariña

“A escola vella de Rinlo é de titularidade municipal, polo que non é posible que o Concello se conceda licenza a si mesmo para acometer obras nela”, explica Suárez

Ribadeo, 11 de setembro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de infundadas e inxustas as acusacións vertidas desde a asociación de veciños O Cantal, de Rinlo. E subliña que a escola vella é de titularidade municipal, polo que non é posible que o Concello se conceda licenza a si mesmo para acometer obras nese inmoble. Fernando Suárez indicou que en breve o Concello e a Deputación de Lugo asinarán un convenio bilateral para amañar esa instalación.

O rexedor dixo que “desde o Concello de Ribadeo estamos sorprendidos pola actitude que teñen algunhas persoas da directiva desta asociación de veciños por terxiversar a realidade e sobre todo por verter estas acusacións infundadas e inxustas”.

Suárez Barcia sinalou que “o Concello, como con todas as asociacións dialoga, e precisamente con esa asociación de veciños hai máis dun ano nunha xuntanza que tivemos o compañeiro de Medio Rural e o alcalde de Ribadeo tomamos boa nota de todas as cuestións que eran susceptibles de ser melloradas e mellorables en Rinlo, especialmente na escola vella, que como todo o mundo sabe é de titularidade municipal desde hai pouco menos que cen anos”.

O alcalde lembrou que “hai uns meses solicitamos unha axuda á Xunta, a través dunha orde de convocatoria para esa escola e algunha outra máis, orde que nos foi denegada e así o comunicamos no seu momento a esa asociación, coa advertencia de que habíamos seguir traballando para poder desenvolver e executar as obras de mellora tanto no continente como no contido dese edificio. Precisamente hai varios meses solicitamos da Deputación de Lugo un convenio bilateral para amañar esta escola, tal e como estamos a facer con outros inmobles de titularidade municipal polas parroquias. Ese convenio vai ser asinado nos próximos días”.

Fernando Suárez engadiu: “cal foi a nosa sorpresa cando vemos que sen falar co titular do inmoble, que é o Concello de Ribadeo, esta asociación de veciños sostén que ten unha axuda da Xunta e nos piden licenza de obra para amañar un edificio da nosa propia titularidade, algo que a xulgar polo informe xurídico de Secretaría non é posible que nós nos deamos licenza a nosoutros mesmos”.

Para o rexedor “a actitude algunhas destas persoas, que non actuaron no nome da súa presidenta sequera, se convertan en valedores desta escola municipal deixando ao seu titular e o seu responsable, que é o Concello de Ribadeo, absolutamente á marxe. Nosoutros nin queremos nin buscamos polémica, pero como así fixemos nunha xuntanza aberta hai varios días alí na propia parroquia, aberta a todos os veciños e non soamente á directiva desa asociación, explicamos o que fixemos, o que estamos a facer e o que faremos e polo tanto gustaríanos que se deixara a política á marxe, porque vemos que é unha intención maniquea de manipulación por parte do PP que está na Xunta e especialmente do PP de Ribadeo, que en todas aquelas cousas que debe apoiar de maneira intensa non o está a facer, pero sen embargo está con estas caxigaliñas, aquí é unha axuda a unha asociación de veciños, alí son uns polos, unhas sudadeiras, uns niquis ou dúas medallas. Realmente ao cabo do ano o sumatorio para Ribadeo é pésimo e pírrico porque naquelas outras cousas importantes nas que se lle pide o compromiso da Xunta para con Ribadeo e para as súas parroquias brilla pola súa ausencia. En todo caso sempre están a tempo de corrixir e sempre están a tempo de mellorar”.

Exit mobile version