Site icon Crónica3.com A Mariña

A ‘Milla Urbana e Relevos Challenge’ celebrarase o 11 de setembro nos arredores do Oca Hotel de Foz

Foz, 2 de setembro, 2021. O día 11 de setembro terá lugar, nos arredores do Oca Hotel de Foz, A ‘Milla Urbana e Relevos Challenge’. Esta proba, con vontade de asentarse no calendario atlético mariñao, está organizada pola Run Foz Run e o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’.

Co bo sabor de boca que nos deixou a ‘XII Run Foz Run’, e seguindo a liña activa do noso Club, temos unha nova cita co atletismo na nosa vila. Regresa a Foz a Milla Urbana e faino cun novo circuíto e con moitas novidades. Esta proba está pensada para todos os públicos e idades (categorías: pícaros, benxamín, alevín, infantil, cadete e absoluta). Este ano, ademais, como novidade, a Milla Urbana complementarase co Relevos Challenge. Este evento realizarase en horario de tarde, o propio día 11, e está pensado para a categoría absoluta. As persoas interesadas deben conformar un equipo (máximo 10 persoas) onde cada relevista debe correr, en quendas de 30 minutos, nun circuíto pechado de 1500m. Gañará o equipo que maior número de voltas sexa quen de completar ao longo desas 5 horas. Cada equipo contará cun espazo propio para que os atletas convivan entre si e organicen a súa estratexia de carreira. Os tres mellores equipos levarán o seu merecido premio.

A presentación pública da ‘Milla Urbana e Relevos Challenge’ contou coa presenza de Francisco Cajoto (Alcalde do Concello de Foz), de Iago Villamil (concelleiro), de Manolo Cadramón (Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia), de José Carlos Paleo (Presidente do CCA de Foz) e unha representación da Directiva do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ (Manuel Eiras, Rosalía Rodríguez e Marcos Loureiro).

Desde a Run Foz Run e o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ agradecen, ademais, a colaboración e a implicación de todos os locais comerciais de Foz para que eventos coma este se poidan realizar.

As inscricións da carreira (prazas limitadas) seguen abertas na web de ChampionChip Norte.

Exit mobile version