Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta clausura o obradoiro de emprego Terras do Sor IV coa entrega de diplomas aos 20 participantes

O Vicedo, 16 de setembro de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega dos diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Terras do Sor IV, nun acto no que tamén participaron os alcaldes dos concellos promotores: Jesús Novo, rexedor do Vicedo; Manuel Requeijo, de Muras, e José Luís Pajón, de Ourol.

O obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 356.000 euros, formou a 11 traballadores desempregados na especialidade de Carpintaría e moble e a 9 na de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Unha vez rematado, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer estes traballos, ben como asalariados en empresas do sector ou por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento.

Os alumnos construíron elementos de mobiliario urbano e realizaron mobles e reparacións en madeira en locais e zonas públicas dos tres municipios participantes. Pola súa banda, o alumnado de atención sociosanitaria traballou nunha residencia da terceira idade de Viveiro.

Arias lembrou que proximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios. Deste xeito, o investimento da Xunta nesta iniciativa elévase a 712.000 euros nos dous últimos anos.

No conxunto da Mariña darán inicio a partir de outubro cinco obradoiros duais, cun investimento global de 1,7 millóns de euros. Tamén se reedita o obradoiro de garantía xuvenil que comparten Ribadeo e Barreiros, que suma outros 369.500 euros.

O delegado destacou que “a gran maioría son novas edicións de propostas que levan anos funcionando, polo que se renovan os grupos pero dáse continuidade aos proxectos, logrando en moitos casos unha auténtica transformación dos espazos públicos, como rúas, xardíns, edificios comunitarios e outras dotacións”.

Exit mobile version