Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e os traballadores de Vestas acordan crear unha mesa industrial para identificar posibles solucións que permitan manter o emprego na factoría de Viveiro

Lugo, 27 de setembro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe o ofrecemento da Xunta de Galicia a colaborar co Goberno na busca dunha solución para Vestas para abordar conxuntamente o proceso de negociacións do ERE e, a partir de aí, traballar tamén sobre o futuro industrial e o mantemento do emprego. A ese respecto, anunciou o acordo durante o encontro de constituír unha mesa industrial entre os sindicatos, o comité de empresa, o Goberno central –a través do Ministerio de Industria e o Ministerio para a Transición Ecolóxica– e a propia Xunta de Galicia para “identificar posibles solucións que permitan o obxectivo compartido que é manter o emprego”, asegurou.

A tal efecto, a Administración autonómica e os traballadores trasladaranlle esta idea por carta ao Executivo central para que poida identificar tamén as oportunidades e traballar así conxuntamente na busca de solucións.

Durante o encontro celebrado esta tarde en Lugo co comité de empresa da factoría de Viveiro, ao que tamén asistiu a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, o Executivo galego reiterou aos traballadores que seguirá estando en todo momento ao seu lado para exixir alternativas á empresa, que ten que reconsiderar a súa postura totalmente ilóxica e incoherente. Neste sentido, a autoridade laboral, ao igual que fixo no caso de Alcoa, velará por que os dereitos dos traballadores sexan respectados durante todo o proceso.

Así, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comprometeuse a remitir hoxe mesmo unha carta á empresa instándoa a pospoñer o inicio formal do ERE para buscar solucións que garantan o emprego da mesa industrial recentemente constituída.

Conde, que manifestou o contacto da Xunta de Galicia con todas as partes implicadas no proceso, recoñeceu que, en pleno auxe das enerxías renovables, o anuncio da empresa non se entende; polo que queda en evidencia que Vestas non ten argumentos que sosteñan a súa decisión.

“Estamos ante unha situación totalmente inxusta de cara aos traballadores. Non é posible explicar a decisión da empresa nun contexto de transición enerxética e onde haberá oportunidades para desenvolver proxectos eólicos e, polo tanto, para que desde a industria se poida dar esa resposta”, manifestou o vicepresidente económico, ao mesmo tempo que indicou que a decisión de Vestas “parece máis unha escusa que unha realidade”.

Así, para a Xunta a solución pasa por un cambio de actitude do Goberno e no que aposte realmente por unha transición enerxética compatible co mantemento da actividade económica e do emprego; é dicir, xeradora de novas oportunidades. Neste sentido, o vicepresidente económico pediulle ao Executivo central que se comprometa ao cento por cento, unha verdadeira implicación que hoxe volveu quedar en cuestión ao non acudir o Ministerio de Industria a este encontro cos traballadores.

“A transición enerxética nestes momentos, tal e como está deseñada por parte de Goberno, está a ter un impacto no eido industrial, hai un desmantelamento de empresas vinculadas ao sector enerxético e non parece razoable que iso poida xustificar o despedimento, neste caso, de 115 traballadores da empresa Vestas”, indicou Conde.

Exit mobile version