Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará cinco obradoiros duais de emprego promovidos por concellos da Mariña cun investimento de 1,7 M€

Lugo, 10 de setembro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade destina 1,7 millóns de euros a financiar cinco novos obradoiros duais de emprego promovidos por concellos da Mariña que se levarán a cabo en 13 municipios a partir de outubro.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou hoxe da resolución da orde de axudas deste ano, que incrementa o orzamento nun 47% con respecto á convocatoria anterior. No conxunto da provincia, destínanse 7,1 millóns de euros a financiar 20 talleres, seis máis que na pasada edición.

No caso da Mariña, desenvolveranse os obradoiros Sendas de Burela, Cervo e Xove VIII; Serra da Cadeira VI, impulsado por Trabada con Lourenzá e Barreiros; Terras do Sor V, promovido por Ourol co Vicedo e Muras; Terras do Ouro 2021, que agrupa a Foz, Alfoz e O Valadouro; e Ribadeo prepara o teu Camiño, un taller individual.

A súa posta en marcha suporá a contratación de 100 persoas desempregadas para recibir formación -20 por cada taller-, ao que hai que sumar as prazas que se creen de persoal de dirección, administración e monitores.

Os alumnos-traballadores integrados nestes programas, que desenvolven as entidades locais, poden acceder durante nove meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Ademais, unha vez remate o obradoiro, poderán traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación, que na Mariña foron solicitados polos promotores de tres dos talleres, o que dará acceso ao mercado laboral a 32 persoas.

A maiores dos proxectos promovidos por concellos mariñáns, o municipio da Pontenova está asociado cos da Fonsagrada -entidade promotora- e Negueira de Muñiz no obradoiro Madeira de Futuro, que recibe unha achega global de 361.946 euros, incluídos os incentivos á contratación en empresas de 10 dos participantes.

Arias incidiu na triple dimensión dos obradoiros, que buscan mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles formación teórica e práctica de calidade da man de especialistas nas materias que se imparten; prestar servizos de interese xeral e realizar obras en espazos públicos; ademais de contribuír a crear emprego nos concellos.

No acceso teñen prioridade os colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade, entre outras.

No seguinte cadro figuran os obradoiros concedidos que promoven concellos da Mariña:

Exit mobile version