Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa o torneo de rugby inclusivo que se celebra esta fin de semana en Ribadeo, no marco do programa O teu Xacobeo

Ribadeo, 23 de setembro de 2021. A Xunta de Galicia apoia a iniciativa Incluíndo co Camiño, o I Torneo de rugby inclusivo a VII que organiza o Club Ribadeo Rugby e que se celebrará nesta localidade entre mañá e o sábado.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo achega 20.000 euros a través do programa O teu Xacobeo a esta proposta transversal que conxuga o deporte, a inclusión social, a cultura e os valores do Camiño, entre outros.

O torneo terá lugar no Campo da Vía e reunirá a equipos que integran a xogadores con discapacidade intelectual, procedentes de Galicia e do resto de España, Francia e Portugal. En total, serán arredor de 80 deportistas convidados, aos que se suman familiares e acompañantes, árbitros ou voluntarios.

Trátase dun evento que pretende mobilizar a máis de 1.000 persoas, incluíndo o público asistente ao torneo e ás que xa pasaron polas carpas informativas que durante os últimos días se instalaron en puntos do Camiño Norte de distintos municipios da Mariña, co obxectivo de promocionar tanto esta modalidade deportiva como a ruta xacobea.

O programa complétase con actividades paralelas que promoven a participación de creadores e artistas da zona, nos eidos da música, a pintura e a fotografía; ao remate do torneo celebrarase unha festa con actuacións musicais de grupos locais e degustación de produtos da zona. Habilitarase no propio campo un espazo con xogos de habilidades adaptados ao público.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca a colaboración da Xunta coa iniciativa ‘Incluíndo co Camiño’ a través do programa ‘O Teu Xacobeo’. O campo de fútbol da Devesa acollerá esta fin de semana o I Torneo de Rugby Inclusivo e o campamento xuvenil da Devesa acollerá outras actividades complementarias desta iniciativa deportiva, cultural e de inclusión social.

O popular aposta por “poñer a disposición dos colectivos deportivos e entidades sociais e culturais as instalacións públicas” e explica que “a Xunta non cobra taxas aos colectivos sociais por unha ocupación dos edificios públicos de horas ou días”.

Vega subliña o carácter social desta iniciativa e destaca o traballo que realiza neste ámbito a Fundación Edes. Pon tamén en valor a implicación do Club Ribadeo Rugby na organización deste torneo.

Exit mobile version