Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia esta semana obras de mellora da seguridade viaria en tres puntos do Camiño Primitivo que coinciden con vías autonómicas na Fonsagrada

A Fonsagrada, 1 de setembro de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia esta semana as obras de mellora da seguridade en tres puntos do Camiño Primitivo no concello da Fonsagrada que conflúen con estradas autonómicas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha dos traballos que comezaron o luns no cruce coa LU-740 á altura da Pobra de Burón, a uns dous quilómetros do núcleo urbano. Nesta zona estase a reforzar a sinalización e a pavimentar con pedra o treito do Camiño que enlaza coa vía.

En canto ás previsións para os vindeiros días, Arias avanzou que hoxe empezarán actuacións similares nun cruce coa estradas LU-530 situado no entorno de Vilardongo (San Xoán do Padrón); e desde o venres traballarase no entronque da ruta coa LU-701 na zona de Silvela.

Destacou que a Xunta está a executar novas obras de reforzo da seguridade en puntos do Camiño que conflúen con estradas autonómicas de toda a Galicia. No municipio da Fonsagrada, hai previstas oito actuacións nas vías LU-740, LU-701 e LU-530 cun investimento total de 27.500 euros.

Os proxectos fan especial fincapé no reforzo da sinalización, coa colocación de indicativos que advirten da presenza de peóns, elementos reflectantes, carteis que alertan de perigo ou balizas verticais cilíndricas na calzada.

No conxunto da provincia, a Xunta inviste 466.800 euros para actuar en 36 puntos das diferentes rutas xacobeas, co fin de mellorar a accesibilidade dos Camiños a Santiago e garantir un tránsito máis seguro para peregrinos e peóns en xeral.

Exit mobile version