Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia reivindica “un contrato de venda efectivo” para Alcoa e “un prezo eléctrico competitivo”

Ribadeo, 13 de setembro de 2021. Elena Candia concluíu este luns en Ribadeo a rolda de xuntanza cos compromisarios da provincia que participarán este domingo no 18º Congreso Provincial do PP. Despois de reunirse en Chantada cos da Zona Sur e en Lugo, cos da Zona Centro, a candidata á reelección fixo o mesmo cos da Mariña, onde propuxo reforzar as “políticas de emprego estable como instrumento para a dinamización da economía e impulsar a tan necesaria reactivación económica”.

A popular fixo esta valoración dada a situación que atravesa esta comarca debido á deriva na que está inmersa a planta de Alcoa, en San Cibrao, a pesares de ser a principal empresa da provincia e a única que produce aluminio primario de España, e de dar emprego a unhas 2.000 familias. Consciente da importancia que supón a factoría para esta comarca dende o punto de vista económico e do emprego, Candia considera necesario “un contrato de venda efectivo e deixarnos de declaracións de intencións que só son papel mollado”.

“Creo que a mensaxe que debemos reivindicar e pola que loitar debe ir encamiñada neste senso. Falar da Mariña nestes momentos é falar de Alcoa, é falar de emprego, é falar de dar estabilidade aos traballadores. Dende o PP sempre foi o que pedimos; Mágoa que dende o PSOE e dende a esquerda non exista o mesmo compromiso”, remarcou.

“Levamos case dous anos con promesas. A empresa di que quere vender e o Goberno fala de marco enerxético, pero tanto unha como o outro non están facendo nada ao respecto”. E neste proceso, dixo, “precisamos un prezo eléctrico competitivo”, xa que “do contrario non será posible producir aluminio primario en España”.

“O emprendemento como base para a transformación social”
En materia de emprego, Elena Candia tamén defendeu a inclusión dos máis mozos na actividade do Partido, pois “son o futuro e é o que nos levará, sen ningún tipo de dúbida, á transformación social. Temos que apostar polos emprendedores que temos”, afirmou.

A este respecto, destacou que, precisamente, os integrantes da Comisión Organizadora son “un bo exemplo da importancia que quero para o noso proxecto político e de provincia de cara ás municipais”. As agrupacións locais, dixo, “tamén deben facer un esforzo por sumar novas caras e avogar polo diálogo como a base para chegar a acordos. Ese será o camiño que nos levará a alcanzar a gobernabilidade na Deputación e nos Concellos onde non a temos”.

Campaña intensa
Elena Candia pechou así a campaña interna, tal e como rexe o cronograma do Congreso. Ao longo dos últimos días mantivo distintas reunións de traballo para pulsar a opinión da afiliación, recoller as súas propostas e explicarlles o proxecto político que liderará a partir do domingo 19. Precisamente, a xuventude tivo un protagonismo destacado, como así se reflicte nas xuntanzas cos afiliados mozos e os concelleiros de xuventude.

Exit mobile version