Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “A suba da enerxía eléctrica fai que algúns pequenos concellos paguen agora facturas máis altas que antes de aplicar medidas de aforro enerxético”

Lugo, 24 de setembro de 2021. O disparatado incremento do prezo da enerxía eléctrica crea graves problemas a institucións, á industria e aos particulares. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, pon hoxe o foco nos concellos lucenses que “sofren tamén, igual que os nosos veciños, como as pequenas, medianas e grandes empresas, o elevado custe da enerxía eléctrica, consecuencia do fracaso absoluto da estratexia enerxética equivocada do Goberno de PSOE e Podemos, que afecta directamente a nosa provincia”. O PP defenderá unha moción no próximo pleno da Deputación para instar ao Goberno central a adoptar medidas eficaces para poñer freo á suba do prezo da electricidade.

Castiñeira sinala: “Os problemas estanse facendo visibles nas empresas, que perden competitividade, o que repercute nos postos de traballo. Outros dos afectados seriamente son os concellos, especialmente os pequenos, que teñen case as mesmas construcións e edificios que outros máis grandes; falamos de dependencias municipais de todo tipo: casas de servizos sociais, casas do concello, pavillóns, colexios, etcétera”.

O portavoz municipal explica: “Hoxe desprazámonos a un concello pequeno, da montaña lucense, ao Cádavo, para testemuñar esta circunstancias. A moción que defenderemos no próximo pleno da Deputación vai nese sentido. Queremos que na Deputación, que é a casa de todos os concellos, todos esteamos de acordo en pedir ao Goberno do Estado que faga todo o posible por rebaixar o prezo da factura eléctrica, que pagan tamén os concellos”.

Castiñeira declara: “Moitos dos concellos vense afectados en miles de euros cada mes. Estanse dando casos de municipios que durante todos estes anos estiveron aplicando medidas de aforro enerxético, e resulta que neste mes á factura é moito máis grande que noutros meses, pese a aplicar as medidas de aforro. É unha situación moi grave; esperemos que teñamos o apoio de todos os grupos na Deputación para evitar esta intransixencia enerxética do Goberno, que está a levar á ruína a moitas empresas e a pasalo mal a moitas casas e concellos da nosa provincia”.

Exit mobile version