Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausurado en Ribadeo o obradoiro de emprego sobre o Camiño, que iniciará nova edición a partir de outubro

Ribadeo, 24 de setembro de 2021. A Xunta de Galicia clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego #RibadeoXCamiño, promovido polo concello e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou os diplomas aos participantes acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez.

O obradoiro formou a 20 traballadores desempregados, distribuídos a partes iguais entre as especialidades de Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos e Promoción turística local e información ao visitante.

Ao tempo que recibían formación teórica, os alumnos traballaron na elaboración de recursos audiovisuais de promoción do Camiño Norte e do patrimonio de Ribadeo así como na mellora da oferta turística do municipio.

Arias lembrou que esta iniciativa terá continuidade no obradoiro dual Ribadeo prepara o teu Camiño, que dará comezo en outubro, suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas sen emprego e afondará no traballo de posta en valor dos recursos patrimoniais e turísticos do concello, especialmente os relacionados coa ruta Xacobea.

Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes experiencia laboral, a través dun contrato de traballo, en sectores con boas perspectivas de empregabilidade. Ao rematar, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer a especialidade elixida.

No último ano, a Xunta achegou máis de 1,5 millóns de euros aos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo. Así, ademais dos dous obradoiros duais citados, desenvolve xunto con Barreiros o obradoiro de garantía xuvenil -para menores de 30 anos- Territorio Vivo, que substitúe ao programa de emprego para persoas mozas Vencellos da memoria, clausurado hai uns días. En total, proporcionan formación a 72 traballadores desempregados.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca “a aposta da Xunta pola formación para o emprego” e, concretamente, pon en valor a achega de máis de 1,4 millóns de euros para o desenvolvemento de catro obradoiros en Ribadeo: dous que veñen de rematar, un obradoiro xuvenil que xa se está a desenvolver e un novo obradoiro dual que se iniciará nos próximos días.

Vega subliña que “a Xunta de Galicia está a realizar un traballo moi importante na nosa vila aportando orzamento para a formación das persoas que buscan emprego e, polo tanto, ofrecendo máis oportunidades laborais aos nosos veciños, que é algo realmente importante para o futuro do noso pobo”. Nese sentido, “estamos traballando en colaboración cos centros educativos para incorporar novos ciclos de formación”.

O obradoiro dual #RibadeoXCamiño versou sobre o Camiño Norte de Santiago e contou cunha achega da Xunta de 346.000 euros para a formación de 20 alumnos-traballadores que contaron cun director, un monitor e outras dúas persoas monitoras de turismo. “Os participantes estiveron traballando en proxectos audiovisuais multimedia cos que poñer en valor a pegada histórica do Camiño Norte ao seu paso polo municipio e, polo tanto, poñer en valor o patrimonio arquitectónico e cultural que rodean o Camiño Norte e tamén o termo municipal de Ribadeo”, subliña o voceiro do Grupo Municipal Popular.

“Tamén financiou a Xunta unha oficina de información ao peregrino e puxo en valor o santuario da Nosa Señora das Virtudes, na parroquia de Arante, onde comezarán nas próximas datas as obras para rehabilitar o santuario cunha inversión de 184.000 euros”, engade.

O obradoiro xuvenil Vencellos da Memoria recibiu un total de 369.000 euros da Xunta para a formación de 16 mozos e mozas de Ribadeo e Barreiros que, ademais de mellorar a súa empregabilidade, permitiu “poñer en valor e organizar a documentación do arquivo municipal que agora está identificada e posta ao servizo dos historiadores e tamén dos ribadenses”, segundo indica o popular.

Vega explica que “a Xunta achega outros 369.000 euros para outro obradoiro xuvenil” compartido entre Ribadeo e Barreiros denominado Territorio Vivo que conta con 16 participantes menores de 30 anos que realizan labores para a “posta en valor do medio natural: rutas de sendeirismo, turismo medioambiental, interpretación e educación ambiental”.

Igualmente, a Xunta vén de anunciar recentemente unha achega de 376.000 euros para o desenvolvemento dun novo obradoiro dual -Ribadeo, Prepara O Teu Camiño- que combina a realización dun traballo durante un período de 9 meses e a formación dos participantes nunha materia específica que dá dereito a obter unha certificación de profesionalidade oficial.

Exit mobile version