A popular apuntou que “o noso obxectivo é gobernar na cidade de Lugo e na Deputación de Lugo. A xente na rúa pídenos cambio” e, polo tanto, “é a nosa responsabilidade materializalo”. Para iso aposta por “traballar dende a humildade e de forma próxima aos veciños para consolidar a alternativa que constitúe o Partido Popular da provincia, o que máis se parece aos lucenses”.
Candia lembrou que “o Partido Popular foi a forza máis votada no conxunto da provincia nas municipais do 2019, a un deputado da maioría absoluta na Deputación. Tamén na cidade de Lugo, o PP foi a forza política que recibiu máis apoios subindo incluso a porcentaxe de votos”. Aínda así, “non debemos relaxarnos en ningún dos concellos”, apuntou. “Temos que esforzarnos para sumar en todos, tanto nos concellos máis grandes coma nos máis pequenos”. A popular avogou, neste sentido, por “seguir escoitando e atendendo as demandas dos lucenses sendo sensibles coa súa realidade”.
Nese sentido, convidou aos compromisarios a traballar de forma comprometida de cara aos vindeiros comicios locais: “o equipo integrado polos compromisarios ten que ser o xerme de traballo cara as municipais 2023”, aseverou a popular subliñando que se trata dun equipo “cuantitativa e cualitativamente representativo e moi importante”.
O PP intensificará a súa presenza nas rúas da cidade de Lugo
O presidente local do PP de Lugo, Ramón Carballo, agradeceu tamén a todos os compromisarios o seu compromiso e as súas ganas por participar neste Congreso: “é ilusionante recuperar a normalidade e volver a xuntarnos tras uns meses tan duros onde o contacto directo, que tanto nos gusta aos do Partido Popular, quedou relegado a unha mínima expresión”.
Carballo avanzou que nesta nova etapa post-pandemia se van intensificar as accións na rúa. Dando resposta á petición da presidenta provincial, “estaremos en primeira liña as 24 horas para que os lucenses nos visibilicen como a alternativa a un bigoberno que maquilla a realidade e que prioriza os intereses de partido por riba dos intereses dos cidadáns”.
“O noso obxectivo é presentar iniciativas encamiñadas a reparar os danos económicos e sociais provocados pola covid-19 e que pasan por implementar unha nova política fiscal, revitalizar o comercio, impulsar a actividade turística e liderar o desafío dixital xunto coa planificación de accións que axuden a fixar o talento e creen oportunidades”, manifestou.