Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo e Ana Beltrán arrouparán a Elena Candia na súa reelección como presidenta provincial

Lugo, 17 de setembro de 2021. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e a vicesecretaria de Organización d Partido Popular, Ana Beltrán, arrouparán este domingo a Elena Candia na súa reelección como presidenta provincial. Así o indica a Comisión Organizadora do Congreso, e que preside a vilalbesa, Patricia Teijeiro.

Deste modo, concluirá o proceso iniciado no mes de xullo e que contou cunha campaña intensa por parte da única candidata a dirixir o partido na provincia. Proba delo é que ao longo das últimas semanas, Elena Candia mantivo distintas reunións de traballo para pulsar a opinión da afiliación, recoller as súas propostas e explicarlles o proxecto político que liderará a partir do domingo 19. Precisamente, a xuventude tivo un protagonismo destacado, como así se reflicte nas xuntanzas cos afiliados mozos e os concelleiros de xuventude, e seguiráo tendo na formación que encabeza a mindoniense.

Cronograma do Congreso
O cónclave, ao que está previsto que acudan unhas 600 persoas, e que se desenvolverá no pavillón municipal de Outeiro de Rei, dará comezo ás 9:00 horas coa acreditación de compromisarios e dos invitados. Ás 10:30 constituirase e votarase a Mesa do Congreso. Seguidamente, e logo do saúdo do alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, como anfitrión do evento, votarase o regulamento e darase lectura á candidatura presentada. Ás 11:15 horas, exporase o informe de xestión do secretario Xeral saínte, Juan Carlos Armesto, e, ás 11:30 horas, exporase e votarase o Comunicado “Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo”, por parte da súa coordinadora e deputada autonómica, Cristina Sanz. Acto seguido, darase lectura os resultados e á proclamación da presidenta. A clausura será ás 12:00 horas e contará coas intervencións de Alberto Núñez Feijóo, Ana Beltrán e a presidenta Elena Candia.

Retransmisión do Congreso
A Comisión Organizadora informa, ademais, que, co fin de facilitar o seguemento do cónclave, este será retransmitido en streaming a través da canle de YouTube do PP (https://youtu.be/-lTTTfp62v0) e da páxina de Facebook (https://www.facebook.com/populareslugoprovincia/posts/1740110646377844). Os medios de comunicación acreditados terán unha sala á súa disposición para desenvolver o seu traballo. Está comunicada co propio pavillón no que se desenvolverá o Congreso e contará cos todos os recursos técnicos necesarios para a cobertura da información.

Exit mobile version