Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 74.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e As Catedrais en xullo e agosto

Ribadeo, 2 de setembro de 2021. A Concellaría de Turismo fai un balance moi positivo do verán 2021 no que as oficinas de turismo da vila e das Catedrais recibiron a máis de 74.000 persoas. Ribadeo colgou o cartel de completo e rexistrou unha ocupación hoteleira do 95 ao 100%. O edil, Pablo Vizoso, subliñou que o Concello fixo unha fortísima aposta polo turismo de calidade e ofertou o maior número de visitas guiadas e Xeorutas de toda a súa traxectoria.

A concelleiro de Turismo indicou que “as oficinas de turismo do Concello de Ribadeo recibiron case 75.000 viaxeiros durante os meses de xullo e agosto. Na oficina de turismo da vila, que abriu durante todos os días do mes con horario de mañá e de tarde, contabilizáronse case 14.000 viaxeiros en agosto e no punto de información turística da praia das Catedrais rexistrouse un cómputo de case 19.000 consultas. Segundo os datos que se rexistran nestas dúas oficinas, compróbase que segue a alza a tendencia de persoas que pernoctan en Ribadeo e que consultan nas nosas instalacións”.

Vizoso Galdo explicou que “despois de analizar os datos da sondaxe realizada entre os establecementos hostaleiros de Ribadeo concluímos que a ocupación deste mes de agosto estivo a piques de acadar o cen por cen. En canto ás procedencias hai que dicir que destaca que o turismo principalmente nesta ocasión foi estatal e que Madrid segue a ser o emisor maioritario con case 11.000 persoas, seguido de comunidades como Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana e Euskadi. Con respecto ao turismo internacional, evidentemente nótase un descenso froito das circunstancias actuais, pero como dato gustaríame resaltar o aumento de viaxeiros procedentes de Portugal e Italia, que duplica practicamente o rexistrado en anos anteriores e que case ven igualarse aos procedentes doutros estados como Francia, que segue a ser o principal emisor”.

O edil ribadense dixo que “no tocante ao turismo organizado, temos que dicir que se rexistraron un total de 24 grupos que acudiron a solicitar información ás nosas oficinas durante este mes de agosto. Consideramos que é un dato moi positivo xa que nos indica que se volve recuperar esta parte do sector tan afectada no seu momento”.

Camiño de Santiago
Pablo Vizoso seguiu a relatar que “se nos centramos no Camiño de Santiago, o Concello de Ribadeo fixo un enorme esforzo nesta edición para realizar a mellor acollida aos peregrinos que escollen este Camiño Norte como vía de peregrinación. Así creouse a oficina de atención ao peregrino, púxose a andar o proxecto Ribadeo prepara o teu Camiño e mantívose aberto o santuario da Nosa Señora das Virtudes. A oficina de información ao peregrino recibiu case 2.000 viaxeiros no seu período de apertura, dende o 16 de xuño ata o 31 de agosto. O punto de información da Nosa Señora das Virtudes atendeu a un total de 260 visitantes neste mesmo período. En canto á procedencia de peregrinos, os datos reflicten que é variada, o 90% é estatal e destaca a Comunidade de Madrid, seguida de Andalucía, do País Vasco, Castela e León, Cataluña e Aragón. En canto aos peregrinos estranxeiros, sempre tomando datos do rexistrado na oficina de información ao peregrino, temos que dicir que a principal procedencia foi de Francia, seguida de Italia, Alemaña e Estados Unidos”.

O concelleiro de Turismo considera que “as visitas guiadas e a creación da guía de ocio foi un total acerto porque, cun total de dez percorridos guiados tanto naturais como culturais, Ribadeo ampliou a súa oferta de actividades, iso xunto coa publicación dunha nova guía de turismo activo, denominada RibadeoXVivo, que recolle toda a información relacionada coas empresas de lecer e coas actividades de ocio e tempo libre que operan no noso concello, converténdonos nun destino cheo de posibilidades e que ten unha clara e forte aposta por este sector”.

O edil nacionalista subliñou que “a desestacionalización segue a ser outro dos nosos obxectivos, dese xeito desde esta Área de Turismo proxectáronse, por primeira vez, numerosas actividades para que os viaxeiros e as persoas que nos visitan teñan a súa axenda repleta de actividades que realizar. Deste modo, desde o Concello de Ribadeo lévase a cabo un novo proxecto, denominado SetembroXNatural, que inclúe unha serie de actividades que xiran arredor do desfrute dos nosos espazos naturais como pode ser a Ría de Ribadeo, a rasa costeira, as nosas praias e o Camiño de Santiago a través da colaboración e da man de diferentes empresas e profesionais. Inclúese nesta relación, máis de media ducia de xeorutas polos cantís de Ribadeo, que nos dan unha visión xeolóxica da nosa costa, as visitas guiadas pola natureza coas que pretendemos potenciar a Senda Azul e o Camiño Natural do Cantábrico, o Camiño de Santiago co gallo da celebración do Ano Xacobeo e o Ribadeo 4×4, que nace da colaboración con Acisa”.

Pablo Vizoso dixo: “quero agradecer o traballo do persoal das oficinas de turismo e tamén do alumnado do obradoiro de emprego, que resulta fundamental para o bo funcionamento das oficinas e da atención aos nosos visitantes. Tamén quero agradecer todo o esforzo que leva realizando o sector privado nestes meses porque entendo que entre todas e todos contribuímos a que Ribadeo sexa un destino turístico de referencia”.

Exit mobile version