Site icon Crónica3.com A Mariña

Muras retoma este domingo a súa tradicional Feira do Poldro

Muras, 23 de setembro, 2021. En Muras saben o que é vivir ao redor dos cabalos todo o ano, pero ésta é unha data especial: ten máis de 30 anos e reúne xente veciños e gandeiros de toda a comarca baixo as altas árbores do Monte da Gañidoira, a 700 metros sobre o mar. Carreiras de cabalos, artesanía, concurso de gando… Despois de 31 edicións recibiu en marzo de 2019 o recoñecemento da Xunta como Festa de Interese Turístico Galego.

O día dá para todo: para xantar, negociar e goxar vendo ou participando das carreiras cuns cabalos que medran prácticamente en liberdade nas nosas serras. Boa parte deles son exemplares de Pura Raza Galega, herdanza dos castrexos, pobos indoeuropeos que habitaron estas terras e que, probablemente, introduciran exemplares de poni de cabeza pequena e ancho lombo. Son animais tan recios coma mansos, que gozan dunha privilexiada vida. A nosa provincia, Lugo, é a que suma un maior número de gandeiros e gandeiras que se dedican a crialos.

Nos curros da Gañidoira tamén se negocia a venda de vacún e de cabras autótonas, non só de poldros. O movemento de animais e gandeiros, os postos de artesanía, os concursos de tala de troncos, de adestramento de cans, a música e o bo xantar, fan dela unha festa auténtica e moi nosa, pero que nos gusta compartir.

Ademais, tamén é unha data gastronómica das que ter na axenda, porque organízanse as Xornadas de Degustación de Carne de Poldro, o momento perfecto para probar tapas e pratos cunha das carnes máis saudables do mundo, pero por descubrir para moitos. Hai onde escoller: dende as curadas como lombos, salchichós, chourizos e cecinas, ata receitas quentes e contundentes sobre o plato ou en hamburguesas.

A organización realízana o Concello murés coa colaboración de Puraga e as entidades Atila e Jockey –importante para que todo vaia perfectamente durante as carreiras de cabalos profesionais e de afeccionados- e inclúe na axenda: rutas para a observación do gando no o Xistral, exhibición de poda en altura e ata 5.600 euros para galardóns aos gandeiros e os seus animais.

Exit mobile version