Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG centra o vindeiro pleno no peche de Vestas, investigar o baleirado dos encoros e compensar a Galiza polo seu carácter produtor de enerxía

Santiago de Compostela, 21 de setembro, 2021. A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG defenderá no vindeiro pleno no Parlamento galego entre os que salientou, o peche da empresa Vestas, crear unha comisión de investigación sobre as causas do baleirado dos encoros galegos polas eléctricas, Iberdrola e Naturgy e compensar a Galiza polo seu carácter produtor de enerxía ante a escalda histórica do prezo da luz.

Rodil lembrou que a empresa Vestas en Viveiro, produtora de aeroxeradores para a instalación de parques eólicos anunciou o seu peche para final de ano e deixa sen emprego a 115 traballadores. Agora é Vestas, dixo, pero antes foron Siemens -Gamesa , nos seus centros de operacións de Naturgy na Coruña e Iberdrola en Valdeorras.

Para a deputada, resulta inconcibible que un país que produce electricidade “a esgalla” e que exporta o 30% da electricidade continúe ameazado de norte a sur e de leste a oeste por ducias de novos parques eólicos, mentres pechan empresas vinculadas co sector e que anuncian a apertura de centros de investigación e desenvolvemento en Portugal.

O vindeiro mércores, engadiu a nacionalista, os traballadores e traballadoras traballadores de Lácoa deciden unha folga e novas mobilizacións, tras dous anos sen unha solución para a fábrica de aluminio en San Cibrao, entre outras s polo prezo da enerxía. Para a deputada, estas son as consecuencias “dun modelo enerxético succionador, de espolio, que explota os recursos naturais galegos para enriquecer o oligopolio eléctrico”, sen retorno económico para Galiza. “A sangría industrial” que se esa a producir en Galiza, ten, en opinión da deputada, “un responsábel”, a Xunta de Galiza.

“Urxe un cambio de modelo que permita ás galegas e galegos beneficiarse da produción eléctrica de Galiza e garanta retorno económico e postos de traballo”. Neste sentido, asegurou que “hai alternativa” e o BNG aposta pola creación “dunha empresa galega e pública de enerxía” semellante ás que existen noutros país como a EDF en Francia, ENEL en Italia, Verbund en Austria ou Vattenfalle en Suecia ás que sumou as de Irlanda, Países Baixos, Suíza ou Alemaña.

Nesta liña, o BNG defenderá no vindeiro pleno unha Proposición non de lei para reformular o actual canon eólico para que grave a potencia instalada e substituílo progresivamente por un novo modelo de participación pública. Que a riqueza que xera Galiza reverta no desenvolvemento social e económico do país con máis recursos económicos para os servizos públicos e creación de emprego, así como vincular as novas instalacións de produción eléctrica a Plans de desenvolvemento industrial e valorar os proxectos tendo en conta a construción de compoñentes e subministros no noso país.

Comisión de investigación polo baleirado dos encoros

Rodil tamén aludiu á solicitude do BNG para crear unha Comisión de investigación co fin de analizar as causas, consecuencias e responsabilidades do abrupto baleirado de encoros e medidas de compensación.

É imprescindíbel, recalcou a deputada, investigar o que aconteceu, as consecuencias ambientais sobre os ríos, a fauna e depurar responsabilidades “na empresa, no Goberno español como responsábel da bacía Miño-Sil e na Xunta porque estaba informada do baleirado e non fixo nada”.

Na quenda de preguntas de control ao goberno, a portavoz do BNG preguntará que medidas vai adoptar o presidente da Xunta de Galiza ante o Goberno do Estado para defender os intereses de Galiza, porque as “decisións que tomemos agora marcarán as próximas décadas e determinarán a posición de Galiza diante dos enormes retos que temos por diante”, explicou Rodil.

“A Xunta, recalcou a viceportavoz nacionalista, en vez de buscar solucións ao peche de Alcoa San Cibrao e de Vestas; ao esfarelamento do sector naval en Vigo ou Ferrolterra; á suba da factura da luz … o único ao que se dedica é “a buscar a quen botarlle a culpa”.

Un presidente da Xunta que di non ter competencias é un presidente “incompetente, e un presidente inútil” para Galiza.

Exit mobile version