Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo pregúntase que beneficios lle vai traer ao Concello asumir a xestión do Museo Catedralicio e solicita coñecer o proxecto

Mondoñedo, 27 de setembro, 2021. O BNG de Mondoñedo non apoiou o convenio de cesión por 29 anos entre a Diocese de Mondoñedo-Ferrol e o concello de Mondoñedo para a cesión de uso de dependencias do Pazo Episcopal, coa finalidade de ampliar o museo catedralicio.

O concelleiro do BNG, Eloi Cabanas lamenta que se trouxera a pleno por vía de urxencia sen comisión informativa previa unha proposta sen definir na que se pedía o visto bo a un convenio que semella ser unha carga para o concello.

“Só nos dixeron que era un proxecto moi ambicioso valorado en 3,5 millóns de Euros, que xa se iría concretando e que estaba enmarcando dentro do Plan Turístico Nacional 2021-2022 do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O BNG entende que para valorar o alcance da proposta sería convinte poder manexar máis información para saber que consecuencias lle vai traer ao concello asumir a xestión do museo durante 29 anos.

Segundo o BNG, o Plan Turístico Nacional Xacobeo indica que, unicamente poderán ser financiadas actuacións sobre bens de titularidade pública e por iso o concello se presta como entidade pública e acepta a titularidade das instalacións do Pazo Episcopal para que a obra de 3,5 millóns de euros sexa subvencionada. Ademais de todo isto a concello será o obrigado de facer as obras de ampliación do museo, asumirá os gastos derivados da conservación das instalacións e das pezas alí depositadas, dos gastos en persoal que atenda o museo así como electricidade ou IBI no caso se ser esixible.

“O convenio aprobado o pasado venres libera a Diocese de todo o que ten que ver coa ampliación e a xestión do museo catedralicio durante 29 anos e cárgalle todo ao concello de Mondoñedo”.

O BNG tamén se pregunta que foi da inversión realizada no ano 2008 polo goberno bipartito para ampliar o Museo Catedralicio e Diocesano

Eloi Cabanas apunta que a Consellería de Innovación e Industria encabezada polo nacionalista Fernando Blanco no ano 2008 investiu 655.000 euros na ampliación e mellora do Museo Catedralicio para dotalo dun proxecto completo e coherente, xunguilo coa tradición das peregrinacións xacobeas polo Camiño Norte e facelo máis accesible dándolle un novo acceso desde a Fonte Vella. “A inversión realizouse pero a mellora da oferta do Museo Diocesano non chegou a ver a luz”.

Á falta dun estudo pormenorizado das consecuencias que lle vai traer este convenio de cesión ao concello, da indefinición e descoñecemento do proxecto e da urxencia inxustificada coa que se instou a tomar unha decisión, o BNG abstívose na votación de aprobación do convenio de cesión.

Exit mobile version