Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demandará ao Goberno do Estado a derrogación da reforma laboral para parar o regueiro de persoas desempregadas da industria na Mariña

Lugo, 27 de setembro, 2021 . O Grupo Provincial do BNG demandará no pleno provincial de mañá a derrogación urxente da reforma laboral para recuperar, entre outros dereitos laborais, a necesidade de autorización administrativa previa para os ERE, unha ferramenta que podería evitar o cesamento da actividade en Vestas e o despedimento colectivo de 115 traballadores e traballadoras.

A formación nacionalista sostén que a actual lexislación laboral, que aprobou o Partido Popular e que mantén o goberno central con PSOE e Podemos, é unha porta aberta para os despedimentos colectivos e o peche de empresas que están a deixar un regueiro de persoas desempregadas e incide no caso da comarca da Mariña, onde o peche de Vestas agravaría un proceso de desmantelamento industrial que na última década deixou un milleiro de persoas na rúa en empresas como Sargadelos, Construcións Mon, Gres Burela, Ecar ou Mobles Hermida e que ameaza tamén a continuidade da factoría de Alcoa en San Cibrao.

O voceiro nacionalista Efrén Castro sinalou a responsabilidade dos partidos estatais no mantemento dunha lexislación laboral “que atenta claramente contra os dereitos das persoas traballadoras e que puxo a alfombra vermella para un decenio negro para o emprego e a industria na comarca da Mariña e no resto da provincia”.

Exit mobile version