Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe medidas urxentes diante do proceso de desmantelamento industrial e de perda de emprego que está sufrindo A Mariña

A Mariña, 21 de setembro 2021. Diante do anuncio de Vestas da súa intención de cesar a producción e pechar a fábrica de Chavín en Viveiro a finais de ano deixando na rúa a 115 traballadores e traballadoras, o Bloque Nacionalista Galego amosa en primeiro lugar a súa solidariedade cos traballadores e as súas familias manifestándolles o seu apoio a todos os niveis.

Con esta mala nova anunciada por Vestas, que nos últimos anos xa reduciu a súa plantilla, sigue agrandándose o mapa do desemprego na Mariña donde o proceso de desmantelamento industrial avanza a pasos axigantados. Esta situación acelerouse na última década deixando un regueiro de desempregadas e desempregados dunha punta a outra da Mariña, con peches e EREs de extinción de contratos coa perda de 1000 postos de traballo directos, en empresas referentes coma Ecar, Mobles Hermida, Sargadelos, Gres Burela, Construccións Mon…..e un longo etcétera que pecharon ou reduciron notablemente as súas plantillas, agravándose todo esto coa situación que atravesa a factoría de Alcoa en San Cibrao.

Plan de emprego e industrialización para a Mariña
Esta sangría de desemprego e desindustrialización que medrou ao abeiro do goberno de Feijoo, o exterminador de emprego, condea á Mariña, unha comarca con múltiples recursos, a unha situación insostible. “O BNG, en mais dunha ocasión levou ao Parlamento iniciativas advertindo desta situación que se lle viña enriba á comarca e pedindo un Plan específico de emprego e industrialización para A Mariña, o que hoxe se fai moito mais necesario e urxente” afirmou a responsable comarcal Ana Ermida.

Frear o espolio eólico
Desde a formación nacionalista demandan tamén a creación dunha empresa pública de enerxía e a reformulación do canon eólico, dada a falta de retorno económico da riqueza xerada pola producción enerxética para cos territorios donde están instaladas as empresas de producción enerxética. A respecto desto levarán ao parlamento unha iniciativa, tal como anunciou o deputado mariñao Daniel Castro, quen tamén incidíu no que o Bng vén denunciando, que “o bum eólico só procura extraer a riqueza do noso territorio deixando unhas poucas migallas, un espolio e unha invasión eólica patrocinada pola Xunta e o Goberno Central. Fronte a eso, o Bng defende un modelo enerxético social, xusto, sustentable e que xere riqueza e traballo na Galiza” afirmou.

Exit mobile version