Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realizará melloras na escola de San Vicente de Covelas

Ribadeo, 20 de setembro de 2021. O Concello sacou a licitación as obras de mellora da Escola de San Vicente, en Covelas. Suporán un investimento de máis de 46.000 euros e recollen todas as suxestións realizadas pola asociación de veciños. A empresas dispoñen ata este venres para presentar as súas ofertas, segundo deu a coñecer o concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.

O edil contou que “tal e como tiñamos planificado, logo da xuntanza coa asociación de veciños de Covelas hai uns meses sobre as necesarias melloras na Escola de San Vicente, sacamos nestes días a licitación pública as obras de mellora deste edificio municipal”.
Marcos Villamil explicou que “o proxecto que redactou o técnico municipal ascende a uns 46.600 euros e recolle todas as suxestións feitas pola asociación de veciños no seu momento: cambio da carpintería de exteriores para mellorar o illamento térmico, sanear e recuperar as cornixas do edificio, dotación dun novo pavimento antiesvaradizo no perímetro exterior da Escola, melloras de electricidade e iluminación, pintura exterior e interior e dotación de mobiliario”.

O concelleiro de Medio Rural subliñou que “erste venres remata o prazo para a presentación de ofertas para todas aquelas empresas que desexen participar. Esta actuación xa foi contemplada integramente no vixente orzamento municipal que aprobamos a principios deste ano, logo de que a axuda que solicitáramos á Xunta de Galicia o ano anterior para este mesmo fin fora desatendida”.

Villamil engadiu: “queremos polo tanto cumprir cos nosos compromisos nesta parroquia cos veciños e veciñas dela, porque queremos ir mellorando estes edificios municipais para ir facendo destes espazos uns lugares de xuntanza e de actividades varias, agora que a pandemia empeza a quedar atrás”.

Exit mobile version