Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro distinguido cun dos premios na categoría ‘Lugo Cambia ao turismo lucense’ dos premios ao turismo e á gastronomía da provincia polo ‘Viveiro ante o Berce’

Viveiro, 3 de setembro de 2021. A Deputación de Lugo fixo públicos os premios ao turismo da provincia e o Concello de Viveiro obtivo un galardón na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense.

Viveiro resultou premiado polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra época de Nadal cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia.

A Praza de Santa María acolle, nos meses de decembro e xaneiro, este nacemento de Cristo a tamaño real que recrea a vida cotiá en Belén. Entre as esceas que se representan atópanse O Misterio; a Anunciación aos Pastores; a Anunciación á Virxe; a visita dos Reis Magos; a Matanza dos Inocentes; e a Sala do Trono de Herodes.

“Agradecemos o premio da Deputación, un estímulo moi importante para nós, para unha iniciativa ademais tan especial como é ‘Viveiro ante o berce’, que cada ano atrae a máis persoas”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer publicamente o traballo e a dedicación das distintas empresas, persoas, institucións ou entidades a favor do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense.

Exit mobile version