Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello traballa desde o descubrimento do astrolabio, en contacto permanente cos arqueólogos, para que o instrumento astronómico se manteña en Viveiro

Viveiro, 23 de setembro de 2021. O Concello de Viveiro remitiu un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunra solicitando que o astrolabio ‘Viveiro I’, recuperado recentemente no ‘Pecio Viveiro I’, permaneza en Viveiro e, mentres non se chegue a concretar a creación dun centro de interpretación da ría, poida ser exposto ao público, ben sexa na propia casa do concello nunha vitrina ou ben nas instalacións do antigo centro comarcal.

O goberno local xa estaba en contacto co grupo de arqueólogos, como estivo en todas as ocasións nas que viñeron a Viveiro, a través da Concellaría do Mar. O concello é coñecedor de primeira man tanto deste achádego como dos outros que se produciron na ría de Viveiro.

Neste sentido, cómpre subliñar que o Concello de Viveiro está volcado na arqueoloxía subacuática, tal e como se demostra na organización das Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro, que este ano celebran a súa quinta edición.

Finalmente, cómpre indicar que por parte do director técnico do ‘Proyecto Eterna’ instouse ao Concello de Viveiro a mobilizar os medios necesarios para que o astrolabio poida permanecer en Viveiro. Tanto este escrito como o informe emitido ao respecto, a petición do concello, tamén foron remitidos xunto coa solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O goberno local agarda que esta petición sexa atendida favorablemente e que este astrolabio náutico, datado entre 1575 e 1622, poida permanecer en Viveiro.

Exit mobile version