Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista leva este xoves ao Parlamento unha proposta para reclamarlle á Xunta que remate a VAC Costa Norte Ferrol – San Cibrao

Compostela, 22 de setembro, 2021. O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Patricia Otero Rodríguez e Luís Manuel Álvarez Martínez, a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa mesa a seguinte proposición non de lei para o seu debate na Comisión 2ª.

O proxecto da vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao, que foi anunciado no ano 2001 polo señor Cuiña, dividíase en 11 fases correspondentes con outros tantos tramos e fixaba como data de finalización o ano 2007. Pero non foi ata o ano 2009 cando se iniciaron as obras do primeiro tramo. Trátase dunha infraestrutura prometida hai máis de 20 anos e que aínda segue no aire, e ao ritmo que executa estas obras a Xunta de Galicia a conexión Ferroltera-Ortegal-A Mariña chegará, de ser o caso, no ano 2135.

Este abandono da Xunta de Galicia para coa VAC Costa Norte implica seguir marxinando as comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal e deixando a estas comarcas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo. Unicamente contan cun trazado moderno as saídas de Ferrol ata San Sadurniño e as variantes de Ortigueira e Xove.

Despois de reiterados incumprimentos e inxustificados retrasos por parte do Goberno de Feijóo nesta VAC, en marzo de 2017 o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en sede parlamentaria galega afirmaba que para a Xunta de Galicia esta infraestrutura segue a ser unha prioridade e que se ía empezar cos tramos útiles que están conectados coas vías de alta capacidade, empezando polo lado da Coruña, na AG-64 como punto de inicio, no seu primeiro tramo San Sadurniño-Sardiñeira e na parte de Lugo conectando o tramo recentemente posto en servizo entre Celeiro e San Cibrao.

Pois ben, no relativo á Provincia de Lugo nada novo dende que o Goberno galego inaugurase, en xaneiro de 2017, con tres anos de retraso o primeiro e único dos tramos desta provincia con só a variante de Xove. Treito, por certo licitado 8 anos atrás por un goberno da Xunta de Galicia presidido por Touriño.

No relativo á provincia da Coruña, case que 4 anos despois do anunciado no Parlamento de Galicia polo director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, en maio 2021 a Xunta de Galicia sometía a información pública o treito da vías de altas prestacións entre San Sadurniño e Sanguiñeira.

Segundo avanza o executivo galego trátase da actualización do proxecto no treito San Sadurniño-Sanguiñeira, que se completa coa conexión directa coa AG-64. Pero para mostra do retraso inxustificado desta obra só dicir que máis de 10 anos e medio antes, no DOG do 25 de novembro de 2010, xa fora declarada a utilidade pública e se dispuxera a urxente ocupación de bens e dereitos afectados polo proxecto da VAC neste tramo.

No propio programa electoral do Partido Popular de Galicia ás eleccións autonómicas de 2009 prometían, xa non só un Corredor, senón a autovía do norte Ferrol-San Cibrao para que estivese en servizo no ano 2012.

Trátase dunha infraestrutura fundamental para a vertebración e conectividade da Mariña e de Ortegal, pero que se atopa totalmente abandonada e esquecida por parte da Xunta da Galicia, e así se desprende dos retrasos inxustificados, así como a escasa dotación e execución orzamentaria autonómica ano tras ano.

Por iso o Grupo Parlamentario Socialista presenta a seguinte proposición non de lei:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que faga unha aposta decidida, real e efectiva pola VAC Costa Norte levando a cabo, en diálogo e consenso cos concellos polos que transcorre esta infraestrutura, todas as accións precisas para rematar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte Ferrol – San Cibrao no menor tempo posible.

Exit mobile version