Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo grupo municipal de VÍA Alfoz tomou posesión no pleno municipal

Alfoz, 4 de setembro, 2021. No Pleno Municipal do Concello de Alfoz celebrado este venres 4 de setembro, Eliseo Lorenzo García e Efigenia Maseda Paz, tomaron posesión das actas de concelleiros relevando a Xabier Pardiñas Suárez e Carmen Geada Maseda, membros do Grupo Municipal de VIA Alfoz nos últimos seis anos.

Eliseo Lorenzo, estrea o cargo de concelleiro indicando que “é unha honra coller o relevo dos meus compañeiros Xabier e Carmen e poder representar ás veciñas e veciños que depositaron en VIA Alfoz a súa confianza o 26 de maio do 2019. Seguiremos traballando todos xuntos por Alfoz aínda que as caras visibles sexamos outras”.

Nese sentido, Efigenia Maseda, nova concelleira e actual Presidenta de VIA Alfoz, indica que se trata só dun cambio de caras visibles pero que “o proxecto inicial que VIA iniciou fai seis anos segue en pé, coa mesma ideoloxía e as mesmas ganas, posto que o goberno municipal mudou de cor pero os problemas do Concello seguen a medrar ou mellor dito a empeorar”.

PROBLEMA DEMOGRÁFICO E FALTA DE PROXECTO DE ASENTAMENTO POBOACIONAL

O problema demográfico é sen dúbida un dos cabalos de batalla dos concellos do rural ao que tampouco é alleo o Concello de Alfoz. Neste sentido, Xabier Pardiñas, voceiro de VIA Alfoz, indica que “as políticas de asentamento de poboación que VIA iniciou na lexislatura pasada deben continuar con novas accións que o goberno actual é incapaz de desenvolver” e recorda que “de pouco serve a propaganda ou a copia de ideas se non son capaces de levalas a cabo” facendo referencia ao banco de vivendas e ás políticas urbanísticas iniciadas por VIA, “incapacidade que non nos estraña ao estar dirixidos por un goberno que nin sequera sabe o que é un PXOM”.

Respecto ao problema da poboación, Efigenia Maseda laiase “da falta de axudas económicas para empresas de diversos sectores asentadas neste Concello e que, ante a pandemia, ven diminuídos os seus ingresos e consecuentemente poñen en perigo postos de traballo, e con eles a posibilidade de que xente moza se poda quedar a vivir aquí”. Ademais, respecto ao problema do avellentamento da poboación recorda que “á xente maior débeselle dar servizos o antes posible e non pasar a unha longa lista de agarda por falta de dilixencia”.

No mesmo sentido manifestouse Eliseo Lorenzo, declarando que “é unha mágoa que non aposten por políticas nas que fomenten vivir no concello e faciliten a outra xente que está buscando vivir nel a posibilidade de establecerse, deixando deste xeito que a poboación siga diminuíndo”.

A MALA IMAXE DO CONCELLO DADA AOS VISITANTES POLA FALTA DE MANTEMENTO

Eliseo Lorenzo, considera que quedan moitas cousas que mellorar e indica que “o concello é algo máis que o servizo básico de auga, o foco e o asfalto”. Respecto á xestión municipal declara que “son numerosas as cunetas, rúas, beirarrúas e áreas recreativas que tiveron herba, maleza e lixo durante todo o período estival. A imaxe de Alfoz tamén se ve afectada debido a que os visitantes que se acercaron a ver o noso concello observaron o estado no que se atopa, sendo o verán que máis visitantes recibiu a Mariña de Lugo”.

Desde VIA Alfoz considérase que esta deixadez fai presaxiar o abandono do goberno actual por manter e innovar en Alfoz. Esta realidade na que a corporación socialista elixiu levar a cabo un goberno pasivo que simplemente debe comprometerse a conservar as instalacións e o entorno ata as próximas eleccións pois, como indica Eliseo Lorenzo “Non é agradable estar, camiñar ou viaxar polas nosas áreas recreativas, rutas e estradas posto que a o mantemento non é eficaz, á vista está”.

Xabier Pardiñas, subscribe as palabras de Eliseo recordando que “as xestións levadas a cabo por VIA no anterior goberno puxeron a Alfoz no mapa pero de pouco serve este esforzo se non conservamos a imaxe do noso concello”.

Os novos concelleiros consideran que por estes motivos, entre outros, VIA Alfoz seguirá traballando desde a oposición de forma construtiva e de control ao goberno, nesta segunda parte da lexislatura. Eliseo Lorenzo recorda ao respecto que “Esperemos que pase rápido este ano e oito meses de mandato que quedan para que moita da veciñanza, incluíndo parte do seu electorado, poidamos recuperar a ilusión no noso concello”.

Exit mobile version