Site icon Crónica3.com A Mariña

O Viveiro CF faise co I Trofeo Acisa Festas Patronais que se disputou no Pepe Barrera

Ribadeo, 6 de setembro de 2021. O Viveiro CF foi o vencedor do I Trofeo Acisa Festas Patronais que se disputou onte no estadio municipal Pepe Barrera. O resultado do encontro foi Ribadeo FC 2-Viveiro CF 3.

Tras o saque de honor por parte de Nerea Lago, actual subcampioa de España de Skiff e integrante da Selección Española Xuvenil de Remo Olímpico deu comezo o partido ao que puxo voz dende a cabina de retransmisión o xornalista Félix Jorquera. O partido rematou co resultado de 2-3 a favor do club viveirense nun Pepe Barrera con moi bo ambiente e a presenza de afeccionados tanto de Ribadeo coma do resto da comarca da Mariña.

Ao rematar o partido tanto Nerea Lago coma o equipo arbitral recibiron un agasallo de Acisa como recordo do partido, que foron entregados polo xerente da asociación empresarial, Jesús Pérez, e polo presidente do Ribadeo FC, Pedro Posada. A continuación campión e subcampión recibiron os trofeos da man do concelleiro de Deportes de Ribadeo, Jorge Díaz, e do xerente do colectivo empresarial. No descanso un veciño de Foz levou os 100 euros en vales de compra sorteados por Acisa.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, dixo que “queremos darlle a noraboa ao Viveiro CF pola súa vitoria, así como darlle as grazas ao Ribadeo FC e á súa directiva e ao equipo, por pensar en Acisa para este encontro tan especial en conmemoración das festas, e por poñernos tan fácil o traballo. Do mesmo xeito queremos agradecer a Nerea Lagoa e a Félix Jorquera pola súa presenza, así como a colaboración do Concello de Ribadeo”.

Pérez Prada engadiu que “este mes de setembro está a ser moi intenso no tocante a eventos deportivos. Para esta vindeira fin de semana contamos cunha nova e importante cita que atraera a moitos visitantes e para o seguinte outros dous eventos que sen dubida encherán Ribadeo de xente, isto xunto coa programación en marcha de Acisa Ribadeo coa campaña da Volta o col, o Ribadeo 4×4 en colaboración coa Área de Turismo do Concello e as Panchas. Agardamos que todas estas propostas fagan de setembro un bo mes para a hostalaría e para o comercio locais”.

Exit mobile version