Site icon Crónica3.com A Mariña

Obras na parroquia ribadense de Covelas, no camiño que vai desde As Anzas a Saa, por Salcedo

Ribadeo, 24 de setembro de 2021. O Concello está a realizar obras en Covelas, no camiño que vai desde As Anzas a Saa, por Salcedo. O investimento ascende a 74.400 euros, dos que o Agader aporta 39.700 euros e o resto procede de fondos municipais.

O concelleiro de Obras, Marcos Villamil, contou que “nestes días estamos actuando intensamente na parroquia de Covelas, concretamente nun camiño municipal que se atopaba moi deteriorado e que necesitaba unha importante mellora nos seus máis de 1.300 metros de lonxitude. Estamos falando do viario que vai das Anzas a Saa, por Salcedo”.
O edil ribadense explicou que “as obras que estamos a facer consisten en dotalo dun novo firme de aglomerado en quente, de corredores laterais de zahorra artificial, así como a limpeza de gabias e facer novas obras de fábrica e limpar as existentes onde sexa necesario e tamén a sinalización horizontal”.

Villamil indicou que “con este programa preténdese mellorar o estado dos camiños que dan acceso a distintos núcleos de poboación, a fincas agrícolas e máis a explotacións gandeiras e de horta”.

O concelleiro de Obras dixo que “esta obra ten un orzamento de 74.400 euros e o seu financiamento está repartido entre o Concello de Ribadeo, loxicamente, e máis o Agader, que aporta 39.700 euros repartidos en dúas anualidades, neste 2021 e no próximo 2022. A cifra achegada non é para botar foguetes, pero toda axuda agradécese”.

Marcos Villamil engadiu que “a obra estase a realizar por parte da empresa Desarrollos y Metas, S.L., por ser esta a mellor oferta do procedemento aberto de contratación pública que tivo lugar anteriormente”.

Exit mobile version