Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas apoian as reivindicacións para “esixir á Xunta que interveña no grave problema de convivencia co lobo na nosa comarca”

Viveiro, 30 de setembro de 2021. A secretaria provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero participou este xoves na protesta convocada por UUAA, para esixir á Xunta de Galicia que interveña diante da ameaza que supoñen os ataques do lobo na Mariña Lucense.

Neste acto, diante da xefatura da Consellería do Mar en Celeiro (Viveiro), tamén estiveron presentes a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o concelleiro Suso Fernández, así como os Alcaldes de Ourol, Jose Luis Pajón; o Alcalde de Ferreira do Valadouro, Edmundo Maseda; o de Foz e Presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto; o Alcalde de Alfoz, Jorge Val e o tenente Alcalde de Muras, Mario Rouco.

“Nestes intres existe un grave problema de convivencia persoal co lobo na comarca da Mariña, e en determinados municipios é preocupante, por iso debemos traballar dende todas as institucións para impulsar unha solución que permita a conservación do lobo, pero tamén o respecto ás familias e ás explotacións desta comarca”, dixo Otero.

“Entendemos que a nova normativa que inclúe o lobo na lista de especies protexidas debe ter en conta a poboación de lobos por territorios, pero para iso, a Xunta e o Goberno de Feijóo teñen que asumir dunha vez por todas as súas competencias e lexislar e incluír un censo de lobos”, insiste.

Nesa liña lembrou que “a sobreprodución do lobo débese ao absoluto abandono de responsabilidades da Xunta de Galicia no mandato do PP. Por unha banda, o Plan do Lobo aprobouse en 2008, incluíndo a obriga de revisalo nun prazo de 10 anos. Polo tanto un incumprimento flagrante deste plan, porque xa pasaron 3 anos do prazo sen que a Xunta executase ningunha revisión”.

“Tampouco houbo novidades sobre o Foro Galego do Lobo onde participan todos os sectores, e a día de hoxe, o Goberno do PP segue sen ter datos actualizados sobre as cifras dos lobos, hai que lembrar que o último censo data do ano 2014”, criticou a socialista.

Couza, vespa velutina e xabaril
A maiores, neste acto tamén se evidenciaron outra serie de problemas como son a prohibición de plantar de patacas por mor da couza guatemalteca, a loita contra a vespa velutina ou as batidas do xabaril. “Diante deste panorama o Goberno de Feijóo sigue mirando cara outro lado, sen presentar nin proxectos nin iniciativas sobre estes asuntos tan importantes para a nosa Comarca”, lamentou.

Exit mobile version