Site icon Crónica3.com A Mariña

Un combativo Xove non pode coa pegada do Pescados Rubén (5-1)

Xove, 9 de setembro, 2021. A estrea do Pescados Rubén Burela FS 21-22 en Vista Alegre deixou boa imaxe onte no derbi mariñán fronte un Xove FS con moitas caras coñecidas que pelexou con garra (5-1). O conxunto laranxa pechará a semana, co terceiro amigable de pretemporada, o sábado; será coa visita ao municipal de Lugo fronte a Ribeira FS (12.00 horas).

Alberto Riquer concedeu minutos a todos os seus xogadores nunha cita na que o fonsagradino Isma debutou de laranxa para estrear o luminoso xa aos 7 segundos de xogo. “Tan só levamos dúas semanas e media pero xa puidemos sacar conclusións sobre os conceptos que estamos a traballar. A pesar da carga física, lóxica a estas alturas, interpretouse ben a idea do que queremos, a filosofía do que queremos ser. As sensacións foron positivas, a actitude e predisposición tamén. Esta é a liña que temos que seguir; quédanos moito aínda. Para o equipo é importante seguir xogando amigables é esta preparación, para calibrar o día a día de traballo nos adestramentos” reflexionaba o novo técnico burelista tras a cita.

Na primeira parte Samu, baixo paus do conxunto visitante, respondeu con excelentes intervencións antes as chegadas laranxas. A mellor ocasión do Xove protagonizouna Mini estrelándoa contra o pau no minuto 14. Con todo, nesta ocasión o Pescados Rubén non perdoou e subiu o 2-0 con Iago Míguez, renda que ampliou outra Xoia, Nito, antes do descanso.

O cansazo notouse nas filas visitantes no segundo acto, fronte a un Burela FS que se distanciou con Isma de novo e Pitero; Xoel subiu o tanto de honra para o Xove.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Levi, Isma, David Pazos, cinco inicial; tamén xogaron Rikelme, Renato, Pitero, Wanderson, Quintela, Lucho, Álex Diz, Nito, M. Kaluza, Bruno

SD Xove FS: Samu, Manu, Xoel, Pancho, Henri, cinco inicial; tamén xogaron Chema, Mini, Marcos, Rubén F., Javi, Luismi

Goles: 1-0, minuto 1, Isma, 2-0, minuto 14, Iago Míguez; 3-0, minuto 19, Nito; 4-0, minuto 31, Isma; 4-1, minuto 35, Xoel; 5-1, minuto 35, Pitero

Árbitros: Amor Vizoso // Darriba Villamor. Por Xove amarela a Manu (minuto 38).
Incidencias: Partido amigable de pretemporada disputado no pavillón Vista Alegre.

Exit mobile version