Site icon Crónica3.com A Mariña

7,1M€ ao saneamento de Viveiro, Foz e Burela e 2,5 para os cascos antigos de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, nos orzamentos da Xunta para o 2022

Lugo, 23 de outubro de 2021. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno galego está orientado a “impulsar a recuperación económica e ampliar e modernizar os servizos públicos”. Explicou que se incrementa o gasto social “realizando un esforzo sen precedentes, de forma que de cada 10 euros do orzamento, máis de 7 se aplican a financiar o incremento do investimento en sanidade, educación, políticas sociais e emprego”.

O delegado subliñou que os orzamentos medran un ano máis, sumando na provincia 67 millóns con respecto ao pasado exercicio ata alcanzar a cifra global de 1.611 millóns de euros. Ademais, Lugo segue a ser a provincia con maior investimento per cápita da comunidade, con 4.926 euros por habitante.

No que respecta á comarca da Mariña, Arias destacou o impulso ás infraestruturas portuarias, cun investimento previsto de 4,1 millóns de euros en obras entre as que destaca a dragaxe do porto de Ribadeo.

Igualmente, as partidas xa territorializadas reflicten un esforzo inversor nas infraestruturas básicas de saneamento en Viveiro, Foz e Burela, que suman 7,1 millóns de euros para a construción ou mellora de estacións depuradoras de augas residuais.

No tocante ás estradas, investiranse 7,53 millóns, cun compromiso de gasto plurianual de máis de 57 millóns, no impulso da VAC da Costa Norte e das comunicacións da comarca, incluíndo o acondicionamento da LU-540 na Gañidoira.

O Sergas reserva partidas por 349.187 euros para o Plan Director e obras de eficiencia enerxética que darán continuidade ao proxecto de ampliación e modernización do Hospital da Mariña. No plano asistencial, tamén se reservan 800.000 euros para mellorar a Residencia de Maiores de Burela.

En materia de urbanismo, destinaranse preto de 2,5 millóns de euros a través do programa Rexurbe á adquisición e rehabilitación de edificios deteriorados das zonas antigas de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, coa finalidade de ser posteriormente destinados a vivenda social.

Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina -a través de Sogama- 5 millóns de euros á nova planta de biorresiduos en Cervo e outro millón de euros para unha nova planta de transferencia en Riotorto.

Outras partidas
Existen tamén partidas para levar adiante importantes actuacións en Educación e Cultura, como a ampliación do IES María Sarmiento de Viveiro, a rehabilitación integral dos colexios Gregorio Sanz de Ribadeo, ou as obras de rehabilitación previstas na Catedral de Mondoñedo ao abeiro do Plan de Catedrais. O Xacobeo bianual tamén deixa a súa pegada nos orzamentos, con investimentos destinados tanto á mellora de dotacións como ao fomento do turismo.

A Consellería do Medio Rural contempla na comarca partidas específicas para a mellora xenética en materia forestal e para a silvicultura. E o emprego seguirá a ser un dos eixos fundamentais, logo da intensidade dos apoios que durante este último ano axudaron ao mantemento dos sectores que se viron máis comprometidos pola situación sanitaria. Neste sentido, Arias asegurou que “o proxecto de orzamentos do 2022 é ambicioso e busca superar os niveis de riqueza prepandemia”, favorecendo a modernización do tecido produtivo.

Exit mobile version