Site icon Crónica3.com A Mariña

“A accesibilidade universal é un dereito humano, mais é unha realidade?” por Míriam Bermúdez

Unha persoa con mobilidade reducida non ten opcións para transitar pola rúa Verxeles de Viveiro. Nin existe o suficiente número de prazas adaptadas para aparcar o seu vehículo preto do seu destino. Do mesmo xeito que unha persoa con alteracións visuais vai atopar dificultades para cruzar nun paso de peóns. Outras persoas atoparánse sen recursos para escoitar unha obra no Teatro Pastor Díaz se ten limitacións auditivas. Ou moitas dificultades para consultar a páxina web do concello se ten dificultades a nivel cognitivo. Páxina web que segue sen ser accesible a pesar de que o goberno votou en contra da moción do BNG porque “xa estaban niso” en febreiro deste ano.

Estes son algúns exemplos de carencias na Accesibilidade no Concello de Viveiro. Basta con dar un paseo en cadeira de rodas, ou andador, para atoparse con infinidade de obstáculos como maceteiros, bolardos, sinais e farolas mal situados; beirarrúas estreitas ou co pavimento en mal estado, con vaos que son impracticables.

Un longo etcétera que nos obriga a denunciar unha vez máis, a falta de planificación deste Goberno Municipal que se limita a xestionar sen perspectiva de futuro, e solucionando o día a día con parches sen ningún tipo de planificación. Unha falta de xestión e un desgoberno que obriga á oposición a presentar rogos en cada pleno para solucionar aspectos que teñen que ver coa accesibilidade, e obrigando tamén á veciñanza a ter que presentar no Concello escritos a título individual por cuestións que son de índole colectiva.

A pesar de que as entidades locais están obrigadas pola lei de accesibilidade do ano 2000 a adaptar de xeito gradual as vías públicas, parques e espazos públicos, así como as instalacións de servizos e mobiliario urbano… que leva feito o goberno de María Loureiro durante os últimos anos? Ou o que é máis importante, que pensa facer o actual goberno de cara a un Viveiro accesible e inclusivo? Cal é o plan? Se a veciñanza de Viveiro non temos acceso a dito plan, é doado de entender, non existe ningún plan. Ou non é accesible e falariamos dunha carencia máis.

A marca Viveiro Inclúe anunciaba a creación dunha plataforma cidadá de participación aberta e a creación dun equipo multidisciplinar para traballar pola accesibilidade. Por que non se puxo xa en marcha? Seguramente escoitaremos que é pola pandemia. Semella que esta é incompatible con todo, ata coa accesibilidade.

No BNG estamos comprometidos coa consecución dunha inclusión plena, tal como levamos no noso programa electoral. Por iso apostamos pola creación dun Plan de Accesibilidade Municipal que servirá como ferramenta de xestión. Un plan que non só servirá para ofrecer ás persoas con diversidade funcional os recursos para gozar dunha vida plena e en igualdade de oportunidades, senón que tamén beneficiará ás nosas persoas maiores, e en xeral, a toda a veciñanza. En definitiva: un plan que ofrecerá un Viveiro cómodo, moderno e inclusivo.

Exit mobile version