Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Para o Decreemento preséntase este sábado en Ribadeo

Ribadeo, 26 de outubro, 2021. Vivimos unha situación inxusta e perigosa a nivel global. Inxusta pola desigualdade imperante no planeta e no país, onde moitas persoas non teñen acceso ó máis básico mentres unha pequena parte da poboación vive cunha opulencia insultante. Perigosa porque o achegamento ós límites planetarios vai supoñer unha merma do pastel desa riqueza tan desigualmente repartida, e a resposta social ante un empobrecemento xeralizado é imprevisible.

Un exemplo claro témolo na factura da luz. Vai ser preciso e urxente poñer en marcha estratexias de aforro enerxético, e a política de prezos altos serve a ese propósito de chamar a consumir menos. Porén, esa suba do prezo debe ir encamiñada -de xeito transparente- a financiar as accións precisas para mitigar a perda de confort que o descenso do consumo poida producir, e non a encher o peto das multinacionais da enerxía, o que causa indignación.

Outro exemplo é a crise industrial que vivimos na Mariña. Os intereses do capital financeiro maniobran comprando e vendendo empresas, collendo subvencións e pechando cando non interesa nun xogo macabro coas esperanzas das traballadoras coa complicidade ou ante a inacción dos gobernos. A protesta contra estes axentes é digna e comprensible, mais non debe facernos pechar os ollos ante a nula viabilidade a medio prazo dun futuro industrial baseado na transformación alta en enerxía de materias primas importadas e esgotables a través de empresas de enclave. O modelo viable será o da pequenas empresas que transforma materias primas produtos renovables de orixe local.

Cómpre logo actuar en dúas liñas. Por unha banda, seguir a esixir un reparto máis xusto e eficaz dos recursos a través de procedementos transparentes e participativos, pola outra facer moita pedagoxía para entendermos que o futuro que se achega vai precisar unha mudanza das nosas conciencias para analizar até que punto o luxo consumista no que baseamos a procura da felicidade non é realmente útil para acadala, para mirar con novos ollos -críticos- como estamos a organizar os eixos básicos da nosa sociedade (alimentación, sanidade, educación…) e como se verán afectados polo devalo enerxético e a loita contra o quencemento do clima.

Ás veces semella que pregoar a urxencia dun descenso do consumismo equivale a deixar de denunciar a inxustiza do sistema. Non é así. Ser conscientes da inevitabilidade dun futuro xa inmediato de menor dispòñibilidade enerxética e polo tanto material e económica debe levar precisamente a urxir reformas cara a igualdade. Pero facer pedagoxía sobre as causas fondas (xeolóxicas) e inevitables desa limitación debe ser a vacina fronte a estratexias ecofascistas coas que as oligarquías van procurar o apoio das multitudes descontentas fronte as reformas necesarias.

De todas estas mudanzas necesarias falaremos no encontro deste sábado en Ribadeo (cine teatro, 18:38) na presentación da Rede para o Decrecemento Eo Navia – Galiza – O Bierzo co seu presidente Miguel Anxo Abraira e a Secretaria Xeral do SLG Isabel Villalba. Un tempo para falar do importante entre tantas urxencias que non nos deixa ollar alén das árbores máis achegadas.

Exit mobile version