Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta defende a aposta polas enerxías renovables para mellorar a competitividade das explotacións agrogandeiras galegas

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, destacou a importancia de apostar polas enerxías renovables como fórmula para mellorar a competitividade das explotacións agrogandeiras galegas. Isto, engadiu, faise especialmente necesario diante do cambio de paradigma do custo da electricidade e tamén, por suposto, para fomentar a economía circular como panca de vantaxe competitiva do sector.

Así se pronunciou José Luis Cabarcos na clausura dun seminario sobre a instalación de miniplantas de biogás nas explotacións galegas organizado pola Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, e que se desenvolveu no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, na localidade coruñesa de Boqueixón. Esta iniciativa está enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2021.
O obxectivo da acción -que foi impartida por técnicos de empresas instaladoras deste tipo de miniplantas- foi o de dar a coñecer as posibilidades do biogás nas explotacións como xerador de enerxía eléctrica, como produtor de calor -para quentar auga ou nos sistemas de calefacción- e mesmo como biocombustible. Así mesmo, detalláronse os beneficios ambientais asociados para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Posibles aplicacións
Deste xeito, o programa do seminario incluíu a explicación do que é o biogás, as súas posibles aplicacións e os aspectos a ter en conta para saber se é rendible apostar por el, segundo as características de cada explotación. Nesa liña, os técnicos que impartiron o curso presentaron dúas solucións para estudar a súa viabilidade económica nunha explotación tipo, aportando datos de investimento inicial, custos de mantemento, rendemento económico, así como as axudas ás que se pode optar para a instalación destas miniplantas.

Esta acción de transferencia foi dirixida a gandeiros e agricultores titulares de explotacións, a mozos e mozas que desexen incorporarse a ditas actividades, a traballadores agrarios, a técnicos relacionados co sector e a estudantes da rama agraria.

A Agacal, a través do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego, busca dar a coñecer novidades no sector ou a aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se empregasen previamente, como é o caso da que centrou este curso de Sergude.

Exit mobile version