Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta organiza no CFEA Pedro Murias de Ribadeo unha formación sobre o cálculo de custos para a produción de leite

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso sobre o cálculo de custos para a produción de leite no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo. A acción, na que terá unha presenza fundamental a aplicación Conta Láctea, está previsto que se celebre o vindeiro xoves 28 de outubro e que se prolongue durante catro horas en horario de mañá (11:00 a 15:00 horas).

O obxectivo desta formación é mellorar a profesionalización e a competitividade das explotacións de vacún de leite galegas. Así, fomentarase que os participantes aprendan a calcular os custos de produción (ingresos, gastos variables e fixos, etc.), xa que son os que determinarán o prezo que debe percibir o gandeiro para que a súa explotación sexa viable.

Nesa liña, no programa constan contidos sobre as principais partidas de ingresos e gastos, así como casos prácticos aplicados ás explotacións de vacún de leite. Deste xeito, os alumnos poderán familiarizarse co emprego da aplicación Conta Láctea, posta en marcha pola Xunta no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para facilitar o cálculo dos custos de produción destas granxas de cara a acadar unha xestión empresarial axeitada e aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso de Ribadeo e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfearibadeo@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982 828 556.

Exit mobile version