Site icon Crónica3.com A Mariña

Caballero pide unha fronte común para manter o emprego de Alcoa na Mariña

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu hoxe unha gran fronte común entre todas as administracións, partidos políticos e sindicatos para conseguir manter a actividade e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao.

Gonzalo Caballero fixo este chamamento despois de que se coñecese que o Tribunal Supremo vén de declarar nulo o ERE que a empresa levou a cabo na factoría da Mariña. “É una boa nova”, sinalou Caballero, “pero hai que seguir traballando e non podemos baixar a garda”.

“Os e as socialistas”, reiterou o voceiro do PSdeG na Cámara, “temos un claro compromiso con que a planta que Alcoa en San Cibrao manteña a súa viabilidade e o seu futuro”.

Por iso, incidiu Gonzalo Caballero, “ao igual que impulsamos, apoiamos e respaldamos a presentación das medidas pola vía xudicial que agora permiten que exista esta sentenza, cremos que agora hai que seguir facendo una gran presión entre todas as institucións para conseguir que exista un inversor que poida facerse coas instalacións”.

Nesa liña, Gonzalo Caballero avogou por que se implique a SEPI e todos os organismos públicos que sexa necesario, porque existen propostas “que teñen un proxecto industrial con viabilidade e que queren manter o emprego e o futuro da planta”. Porque “en San Cibrao”, proclamou, “hai unha planta que ten viabilidade polo seu persoal, pola súa capacidade técnica e polas súas infraestruturas”.

“Alcoa”, indicou Caballero, “quería facer un peche pola porta de atrás, os tribunais acaban de impedilo e agora hai que seguir facendo presión para que se venda esa instalación a un inversor que lle dea viabilidade e manteña os postos de traballo na Mariña de Lugo”. “Esa é a prioridade de todas e todos”, zanxou.

Exit mobile version