Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras de mellora e de acondicionamento do cruce das “Catro Calles” de Ribadeo

Ribadeo, 28 de outubro de 2021. Comezan os traballos de mellora e de acondicionamento do cruce das Catro Calles. O investimento ascende a 23.000 euros. A concelleira de Obras, Mónica Freire, agarda que estean rematados a finais de novembro.

A edil ribadense explicou que “nestes días imos comezar as obras de mellora e de acondicionamento do cruce das Catro Calles, un espazo do cal somos conscientes de que se atopa en mal estado de conservación e que resulta incluso perigoso para os viandantes. Deste xeito decidimos xa hai uns meses elaborar un proxecto para intervir neste punto e reconstruír e reparar esta zona con baldosa de granito gris e cuns grosores que non alteren a cota da rúa. Así melloraremos a seguridade ao tempo que tamén o faremos coa estética desta parte tan central do conxunto histórico da vila”.

Mónica Freire subliñou que “o investimento supón un orzamento de máis de 23.000 euros e financiarase por parte do Concello de Ribadeo con fondos propios e tamén coa achega do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través do convenio asinado da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo”.

A concelleira de Obras dixo que “decidimos executar estas obras agora, despois do verán e antes do Nadal, para tentar molestar o menos posible tanto aos comercios como aos viandantes en xeral. Tamén estivemos a coordinar estas obras para facelas a continuación doutras, de mellora enerxética, que está realizando agora mesmo unha compañía eléctrica. Como sempre que se levan a cabo obras, a realización das mesmas supón, de xeito inevitable, unha serie de incomodidades e molestias temporais, que estamos seguros que a veciñanza saberá comprender e desculpar”.

E engadiu: “pretendemos que estas obras duren o menos posible e que estean rematadas a finais de novembro”.

Exit mobile version