Site icon Crónica3.com A Mariña

Loureiro agradece o cumprimento da débeda con Viveiro coa apertura do novo Centro da Seguridade Social no municipio

Viveiro, 19 de outubro de 2021. Este luns, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, visitou o novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social, que vén de iniciar a súa actividade en Viveiro. Na visita, a rexedora estivo acompañada pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude.

Esta nova instalación ubícase na avenida de Ramón Canosa, en Viveiro. A sede está operativa dende o pasado venres 15 de outubro e espérase que atenda a unha poboación de máis de 39.000 veciños e veciñas, tanto de Viveiro como dos municipios da contorna.

Este novo edificio ten unha superficie útil de 368 m2 e conta cunha gran sala acristalada e diáfana, na que se inclúen unha zona de recepción e autoxestión e outra de atención ao público e espera. A isto súmanse un despacho e unha sala de reunións, así como locais técnicos entre os que se inclúen aseos, almacén, rack, cuarto eléctrico, saídas de emerxencia e sala de climatización.

Por último, o inmoble conta na súa parte traseira cun aparcamento para 11 vehículos, cunha praza reservada para discapacitados e área para motocicletas e bicicletas. A obra contou cun investimento do Goberno central de 844.325 euros.

“Esta instalación era unha demanda histórica da cidadanía de Viveiro. Polo tanto, celebramos que por fin un Goberno central cumprise coas nosas peticións, xa que uns servizos públicos de calidade son esenciais para o desenvolvemento da zona”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Exit mobile version