Site icon Crónica3.com A Mariña

Loureiro comproba in situ os resultados positivos na escavación arqueolóxica da cova de San Xoán Vello

Viveiro, 27 de outubro de 2021. O Concello de Viveiro informa que a Alcaldesa, María Loureiro García, visitou hoxe, mércores 27 de outubro, os labores da escavación arqueolóxica da Cova de San Xoán Vello, en Covas.

A alcaldesa estivo acompañada na súa visita por Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro, para aportar datos sobre o xacemento.

Estes traballos empezaron o pasado luns, aparecendo nas dúas primeiras xornadas muros e tres enterramentos. Ao longo da xornada de hoxe, continúase coas escavacións e seguen aparecendo muros e pequenos materiais, que poden axudar a datar a ocupación da cova.

Tamén se procedeu á limpeza dos muros da parte superior da cova para realizar unha inspección visual, na que se denota a existencia de muros.

Esta fase da intervención remata mañá xoves, á espera de intentar facer outras catas para poder ampliar os datos obtidos nestas xornadas, dirixidas polos arqueólogos Francisco Alonso e Rebeca Blanco Rotea.

“Celebramos os satisfactorios resultados que destas xornadas de escavación e agardamos poder continuar coas catas para ampliar o noso coñecemento sobre esta zona”, subliñou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Este proxecto está promovida polo Concello de Viveiro e Síncrisis, grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. A intención do goberno local con este proxecto é proceder á súa documentación, caracterización e investigación, así como á datación dos restos alí conservados e á valoración da potencialidade do xacemento.

Exit mobile version