“Non se me ocorre mellor emprazamento que este para anunciar o primeiro investimento do Plan de Recuperación para o sector agroalimentario de Galicia”, apuntou o delegado, quen engadiu que os fondos, correspondentes á convocatoria deste ano, adicaranse a financiar accións de mellora de bioseguridade en sanidade animal e vexetal, así como inversións en xestión ambiental dos xurros da gandería, eficiencia enerxética e economía circular no sector agrícola e gandeiro.
O delegado lembrou que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia mobilizará mais de 1.000 millóns de euros ata 2023 para a creación dun novo modelo produtivo no agro. Xunto a este investimento, a nova PAC significará outros 47.724 millóns de euros para España, cunha perspectiva máis sostible e co apoio expreso ao papel da muller rural. Precisamente foi España quen conseguiu incorporar a perspectiva de xénero a este programa, no convencemento da igualdade de dereitos entre homes e mulleres no mundo rural. A este respecto, José Miñones reiterou o papel fundamental das mulleres ruras para a conseguir as transformacións económicas, sociais e medioambientais que ten en marcha o Executivo.
Dentro da Política Agraria Común, o delegado lembrou que o Ministerio de Agricultura vén de adiantar as cantidades precisas para o pago dos anticipos das axudas directas da PAC da campaña 2021. Un adianto que permite que os agricultores e gandeiros galegos xa estean accedendo a 39,9 millóns de euros, “o que supón unha inxección de liquidez moi importante nas súas explotacións”. Por outra banda, segue aberta a liña de axudas para a mellora de eficiencia enerxética en explotacións agrogandeiras, financiada con fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Esta convocatoria conta cun orzamento de 1,7 M de euros e as solicitudes poden remitirse ata fin de ano.
“Por tanto, estamos falando de programas e inversións que reflicten o compromiso do Goberno coa agricultura, coa gandería e co sector agroalimentario. Hoxe, poñemos 50 millóns de euros sobre a mesa do rural de Galicia”, concluíu o delegado.
Traloagro
O delegado do Goberno coñeceu as instalacións da gandería ecolóxica bovina de Traloagro no lugar de Pacios, en Friol, da man dos seus propietarios e xerentes, Isabel e Tito Gómez. A eles e a toda a plantilla trasladoulles o seu recoñecemento polo galardón que recibiron este mes das mans do ministro de Agricultura con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. Tamén exemplificou nesta empresa familiar o esforzo do sector agroalimentario de Galicia por acadar unha produción innovadora, sostible e por dotar de valor engadido a gandería tradicional de Galicia.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación concedeu a esta cooperativa un dos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” na edición deste ano. En concreto, o grupo lucense recibiu un dos galardóns na categoría de “Excelencia á innovación na actividade agraria”.