Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro acusa ao grupo de goberno de opoñerse ao plan de accesibilidade

Viveiro, 11 de outubro, 2021. A pesares de que toda a corporación admitíse que un Plan de Accesibilidade é máis que necesario para o concello de Viveiro, o proxecto non saiu adiante polos votos en contra do equipo de goberno de María Loureiro e as abstencións de Por Viveiro.

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, ten clara a súa posición: “é necesario un Plan de Accesibilidade como ferramenta de xestión e sensibilización. Non podemos pedir que a sociedade se conciencie cando a institución non o está”, afirmou despois de ver como a moción non saía aprobada aínda despois de que toda a corporación admitira a súa necesidade, “non é comprensible cando hai tanto que facer neste eido, isto é a mostra do grande camiño que queda por diante para sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades e dereitos humanos en materia de accesibilidade no noso concello”.

Viveiro continuará sen un Plan de Accesibilidade do que se beneficiarían máis de 15 mil persoas que viven no municipio, a veciñanza da comarca, así como turistas e visitantes. Por sorte, si existen concellos sensibilizados que contan con este plan dende hai anos e que aproveitaron fondos e convenios para levalos a cabo, como Feder, Xunta, Deputacións, Imserso, Once… algúns deles executando na actualidade unha terceira fase do plan, mais non é o caso de Viveiro.

Dende o 2013 que María Loureiro está na alcaldía, nunca se solicitaron fondos para a elaboración do devandito Plan, polo que non existe ningún estudo cun diagnóstico da situación actual do concello. Este estudo permitiría planificar nesta materia establecendo criterios obxectivos e axustados á realidade, para dar resposta ás necesidades máis prioritarias. Porén, o goberno local asegura contar cunha planificación, descoñecida para todas, e sen ter ningún estudo integral feito ao respecto, sendo o argumento principal de María Loureiro: “cómpre ser realista e priorizar…”. Dende o BNG preguntámonos en que nivel de prioridades está a accesibilidade para este goberno cando estamos falar dun dereito humano.

Con todo, non foi a falta de financiación o motivo de que o PSOE votase en contra. A exposición de motivos do BNG provocou unha actuación lamentable por parte da alcaldía e das concelleiras de Cultura e Benestar Social, Lara Fernández e Victoria Baamonde respectivamente, deixando unha vez máis de manifesto a falta de seriedade, rigor e respecto coa que adoita actuar o goberno municipal, dedicándose a increpar á nosa concelleira interrompéndoa de xeito constante mentres falaba, nun intento de xustificar que son suficientes as poucas accións puntuais que o goberno ten levado a cabo e negándose en todo momento a escoitar á concelleira do BNG: “as poucas medidas que se tomaron son válidas, mais non aportan unha solución a nivel integral nin se axustan a criterio ningún, e polo tanto non dan resposta ás grandes carencias do concello en materia de accesibilidade”, afirmaba Míriam Bermúdez no pleno.

Dende o BNG de Viveiro lamentamos que unha proposta en positivo que ofrece a ferramenta necesaria para falar dun Viveiro Inclusivo, coa que contan os concellos sensibilizados dende hai anos, a tomaran como un ataque persoal e fora desbotada por un exceso de ego do equipo de goberno en detrimento da veciñanza.

Exit mobile version