Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello acorda en pleno solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao plan Rexurbe

Ribadeo, 6 de outubro de 2021. O Concello acordou no pleno ordinario celebrado onte solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao plan Rexurbe e que non suprima nin total nin parcialmente os ensinos secundarios de adultos na vila. Ademais foi aprobada unha moción de apoio aos traballadores de Vestas.

O alcalde, Fernando Suárez, contou que “foron interesantes os plenos que celebramos onte á tardiña. No tocante ao pleno ordinario, dicir que saíron adiante a práctica totalidade, por unanimidade ademais, asuntos tan importantes como a voltiña que lle queremos dar, aínda máis, ao casco vello de Ribadeo. Agora solicitarémoslle á Xunta a incorporación do conxunto histórico ao plan Rexurbe, no que pretendemos facer aínda máis actuacións en puntos degradados e que precisan non só unha acción dos particulares propietarios senón das administracións como pode ser a Xunta máis o Concello. Tamén abriremos un novo prazo para pedir axudas para a rehabilitación dos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo, e seguindo en Rinlo aprobamos tamén iniciar os trámites de expropiación dun terreo que xa se contemplaba no vixente plan xeral de urbanismo para ser convertido en aparcamento público”.

O rexedor dixo que “tamén neste pleno ordinario acordamos demandarlle á Xunta de Galicia para que non suprima nin total nin parcialmente as ensinanzas secundarias de adultos en Ribadeo, aínda que a Consellería de Educación sabemos que recuou na súa intención inicial, agora segue apostando por ir afogándoas pouco a pouco. Quero dicir con isto que o que pretende é deixar de ofertar o módulo 3, equivalente a terceiro da ESO, e só ofertar o módulo 4. Evidentemente non hai que ser moi espabilado para ver que se non hai módulo 3 pois non haberá moitos alumnos proximamente no módulo 4, e de aí que a petición da Corporación é que non continúen nesta liña sixilosa de ir eliminando servizos coa burda escusa de que non hai demanda. As estatísticas dos últimos anos están aí, se ben ao principio dos cursos académicos non hai moita xente, a medida que o curso avanza máis persoas se van incorporando, e desde logo temos que dar educación tamén ás persoas que deciden retomar os estudos aínda que sexa de adultos”.

Suárez Barcia manifestou que “ademais neste pleno, aprobamos a moción de apoio aos traballadores de Vestas en Viveiro con chamada de atención aos gobernos da Xunta e máis do Estado para que se apliquen a fondo nas súas competencias, para evitar que empresas que dan beneficios en sectores punteiros poidan alegremente pechar e deixar a centos de familias tiradas. Entendo que debemos regular e atemperar este capitalismo sen rostro, salvaxe e depredador que se está erixindo como única vía. Xustamente a día de hoxe cando a nosa sociedade está a piques de cambiar o modelo enerxético, o modelo de produción e xusto agora cando se queren inzar de eólicos os nosos montes, o mar, etc…, non podemos consentir estas paradoxas que estamos a vivir”.

Mocións: lobos e peaxes futuras
O alcalde engadiu: “finalmente, tratamos unha moción do PP sobre o lobo onde lles fomos explicando o demagóxico da súa posición, pois entendendo desde logo que a orde ministerial que hai pouco se aprobou non vai crear un problema que xa existe en Galicia desde hai anos e que o único que pretende o PP é canalizar as queixas dos gandeiros para tapar as vergoñas políticas da Xunta e da súa falta de actuación, de financiamento de programas, etc… ao longo destes anos de goberno do señor Feijoo. Tamén aprobamos unha moción do BNG para demandar do Estado que non estamos dispostos a que se establezan peaxes futuras polas autovías xa existentes como polas longamente demandadas e nunca construídas como pode ser unha que nos cadra moi preto que é a de Barreiros-San Cibrao. Parece ser que esta é unha proposta que o goberno actual do Estado lle comunicou á Unión Europea, pero tristemente tamén estaba na axenda política do goberno do señor Rajoy aínda que non lle deu tempo a implementala. No apartado de rogos e preguntas fomos, como sempre, respondendo a todas as preguntas e aceptando os rogos construtivos e rexeitando os demagóxicos e oportunistas que tamén houbo, como sempre”.

Pleno extraordinario
Fernando Suárez explicou que “tamén houbo este pleno extraordinario que quixo convocar o grupo do PP para, outra vez máis, destacar a súa condición de enredante político e de tentar desviar a atención da súa falta de compromiso naquelas actuacións e inversións ambiciosas e importantes nas que si se debería comprometer e convencer aos seus compis da Xunta de Galicia para que mirasen algo máis por Ribadeo, máis aló das caxigaliñas, das camisolas, dos nikis e das medallas ás que tristemente xa estamos afeitos a ver”.

O rexedor relatou que “neste pleno que foi só declarativo de intencionalidade política, que non resolutiva de ningún acordo, onde o voceiro do PP nos acusou de sectarismo, faise boa aquela máxima castelá de Dime de qué presumes e te diré de qué careces. Se a Xunta de Galicia lle quere ben a Ribadeo e, polo tanto, quere investir aquí ten dúas vías, como en calquera outro Concello do país, ben a través das subvencións que convoca e ás que os Concellos nos podemos acoller, ou ben coa sinatura de convenios extraordinarios”.

O alcalde lembrou que “no tocante á primeira posibilidade dicir que si o fixemos, exactamente para pedir axuda para arranxar as escolas de Covelas de Rinlo, foi hai un ano e a resposta que tivemos foi que fósemos enfiar agullas por aí adiante, como se di vulgarmente. O que fixemos posteriormente, despois desta negativa da Xunta, no caso de Covelas foi consignar o seu amaño nos orzamentos que aprobamos a principios deste ano, e no caso da escola de Rinlo pedimos, antes do verán, un convenio extraordinario coa Deputación de Lugo, que xustamente nos foi concedido hai semanas e aínda o asinamos antonte. En canto a segunda posibilidade de que a Xunta nos financie a través de convenios extraordinarios pois man aberta, pero non para dar labazadas como moitas veces eles fan connosco senón para sumar, para acordar e para investir en Ribadeo, pero iso lamentablemente faise pouco ou nada. Aí o tivemos na residencia nova, acabámolo de sufrir agora na rúa da Estación onde, despois de asegurárnolo, acabaron por non poñer un peso, etc… Oxalá cambien, están a tempo de facelo, porque temos ademais moitos máis proxectos que desenvolver”.

Para Fernando Suárez “desde logo, querer como fixo o PP, alentando a membros secundarios de determinadas asociacións de veciños con intereses directos, con intereses reais para executar esas obras en edificios públicos municipais, lévanos a tempos escuros e indesexados nos que nós non imos entrar. Porque as asociacións de veciños tiveron, teñen e terán todo o dereito do mundo de usar as escolas e os teleclubs públicos municipais, agora ben, a responsabilidade, a custodia e a capacidade de actuación correspóndelle ao Concello e, por extensión, ao goberno municipal que, por certo, é un goberno democraticamente elixido por todos os veciños e todas as veciñas de todo Ribadeo”.

Exit mobile version