Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo saca a licitación o programa Aquí?… como de 20, que se desenvolverá nas parroquias

Ribadeo, 26 de outubro de 2021. O Concello saca a licitación o contrato de servizos de execución do programa Aquí?… como de 20, que se desenvolverá nas parroquias. O importe é de 50.000 euros e a duración do devandito programa será de 9 meses. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas, segundo informou este mediodía o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que “nesta normalidade na que nos estamos situando tamén queremos volver facer as actividades que antes da pandemia tiñan moito éxito nas parroquias como Aquí?… como de 20!, esta iniciativa tan valorada que recollía propostas socioculturais e actividades físicas como ximnasia. Agora queremos volver a poñela a andar, tal e como tiñamos previsto, nas diferentes parroquias, nas escolas e teleclubs de titularidade municipal”.

Suárez Barcia subliñou: “precisamente na nosa web, na plataforma de contratos, licitamos este contrato de servizos valorado nuns 50.000 euros para que todas aquelas empresas cualificadas poidan presentar a súa oferta. O obxectivo é poder levar adiante toda esta chea de servizos e de actividades que queremos facer cos homes e mulleres da terceira idade principalmente, aínda que non é a eles soamente a quen vai dirixido, senón a toda aquela persoa que se sinta soa ou que queira compartir un bo momento dun lecer, dunha tarde, dunha fin de semana ou durante a semana, para facer diferentes actividades socioculturais ou de ximnasia”.

O alcalde engadiu que “o contrato ten unha duración de nove meses. Pretendemos adxudicalo no que queda de ano para que ben a finais deste 2020 ou principios do ano que ven poder volver á normalidade con este Aquí?… como de 20! nas diferentes parroquias do noso concello”.

Aquí?… coma de 20! deu comezo no ano 2013. Os seus obxectivos pasan por promover as relacións interpersoais e interxeracionais, favorecer o coñecemento do medio e as relacións entre as parroquias, vivir un ocio san e saudable, promover a integración social, aumentar a autoestima persoal e fomentar a mellora das condicións físicas e psíquicas dos/as usuarios/as.

Exit mobile version