Os populares de Viveiro, que teñen por portavoz a Óscar Rodríguez, presentarán unha proposta ao goberno local, presidido pola socialista María Loureiro (integrante do grupo de goberno da Deputación) para que se dirixa ao goberno provincial co fin de que adopte as medidas oportunas para eliminar a situación de risco na intersección das dúas vías. Os populares explican que a pista de Morgade desemboca na LU-P 6502 nunha curva moi pronunciada. A maleza que medra nas beiras dificulta a visibilidade do tráfico, especialmente aos vehículos que pola vía provincial circulan desde Viveiro e pretenden incorporarse á pista de Morgade.
Os concelleiros populares din que é preciso cortar a maleza e que, por tratarse dunha vía provincial, esta tarefa parece corresponderlle á Deputación. Se non fora así, debido a que hai un regato, e puidera ser outro organismo o responsable de limpar as beiras, a Deputación debería de poñerse en contacto con el para que leve a cabo os traballos necesarios.
No PP din que sería lamentable que por non cortar a maleza acabara producíndose un accidente.
Con esta iniciativa, os concelleiros populares de Viveiro dan resposta ás demandas dos veciños máis directamente afectados, que se queixan da falta de seguridade vial nese punto da citada estrada provincial.