Site icon Crónica3.com A Mariña

Segunda poxa pública á alza para a vivenda, o 50% do faiado e o contido do inmoble, propiedade de francisco moreda pérez en Ribadeo

Ribadeo, 3 de outubro de 2021. O Concello ven de decretar unha segunda poxa pública á alza para a vivenda, o 50% do faiado e para o contido do inmoble, propiedade de Francisco Moreda Pérez, que decidiu deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de Ribadeo. Os interesados poden presentar a súas ofertas en sobre pechado ata o vindeiro 16 de novembro.

O rexedor dixo que “en cumprimento da vontade manifestada formalmente polo Sr. Francisco Moreda Pérez de deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, desde o Concello inventariamos, valoramos e fixemos todos os trámites conducentes a cumprir escrupulosamente a vontade desta persoa. Entre outras cousas, fíxose hai varios meses unha poxa pública pola súa vivenda da Rúa Reinante, 20-2º e mais polo 50% do seu faiado neste mesmo edificio así como polo contido desta propiedade. A poxa quedou deserta”.

Suárez Barcia explicou que “desde o Concello decidimos solicitar unha nova valoración á Oficina Técnica Municipal á vista de que o prezo de saída anterior puidese estar por riba dos prezos de mercado neste momento. Recibimos hai poucos días esta nova valoración do inmobilizado e tamén, atendemos á suxestión técnica do taxador dos bens mobles que se atopan dentro da vivenda no senso de reducir tamén o seu valor de saída, decretouse unha segunda poxa pública á alza. Para isto publicouse o anuncio de licitación no perfil de contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado será de 45 días, rematando o vindeiro 16 de novembro de 2021”.

O alcalde indicou que “o prezo de saída da poxa á alza para a vivenda e 50% do faiado é de 175.812 euros e o prezo do contido ascende a 24.499 euros. Así pois, continente e contido, suman un total de 200.023 euros polos que os posibles interesados deberán puxar á alza”.

Fernando Suárez engadiu que “no caso de chegar a bo fin con esta nova poxa, o diñeiro conseguido sumarase aos outros bens xa monetarizados e custodiados pola intervención municipal e cuxo destino único será a mellora e modernización do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, como era a vontade de Francisco Moreda Pérez”.

Exit mobile version