Site icon Crónica3.com A Mariña

“Son os Orzamentos do cumprimento coa provincia de Lugo. Volvemos ter o maior investimento de Galicia por habitante”, afirma Elena Candia

Lugo, 20 de outubro de 2021. “Son os Orzamentos do cumprimento coa provincia de Lugo”. Así o indica a presidenta provincial do PP, Elena Candia, logo de coñecer o esforzo inversor que a Xunta de Galicia realizará o vindeiro ano no territorio lucense, e que se incrementa un 4,3% con respecto a 2021, ata os 1.600.000 de euros.

Tal é así que, destaca, “volmenos ter o maior investimento por habitante de Galicia”. Concretamente, o Goberno galego destina a cada lucense case 5.000 euros (4.926), fronte aos 4.704 de 2021. A este respecto, a líder provincial indicou que “Feijóo non lle falla a Lugo”, a diferenza, engade, do Goberno central. Por tanto, “non é o mesmo que gobernen uns que que gobernen outros”.

Elena Candia manifesta que “son unhas contas moi positivas”, xa que recollen “todos e cada un dos compromisos do Goberno galego cos lucenses”. Como exemplo, cita a popular, as melloras que se farán nos hospitais comarcais, o centro integral de saúde de Lugo, dotación de servizos no Hula; infraestruturas que vertebrarán a provincia e os concellos, como a conversión do corredor Nadela-Sarria, o acondicionamento da estrada de Folgoso do Courel, a ronda leste de Lugo; ou actuacións en materia de saneamento como as EDARes de Viveiro, Burela, Foz, Friol, Monterroso, Portomarín ou Castro de Rei.

E é que Lugo, indica, “tamén será un referente en Educación como anunciou onte o conselleiro, e no eido da I+D+I co investimento no Polo de Rozas”. “Agredecemos, por tanto, a vontade colaboradora da Xunta de Galicia, que demostra unha gran sensibilidade coa nosa provincia, suplindo así a falta de compromiso doutras administración como a do Estado e incluso a Deputación”.

“Creo que hoxe é un día bo para Lugo e para os lucenses, pois non podemos esquecer que máis de sete de cada 10 euros do Orzamento serán para gasto social en Galicia”. A este respecto, Candia remarcou que “son as contas da reactivación e da recuperación”. A popular considera relevante que a Xunta “fixese un ano máis os deberes”, presentando o documento orzamentario en “tempo e forma”; cuestión que a presidenta, di, ten “unha extraordinaria importancia como xestores públicos”.

Exit mobile version